Novas

Venres, 24 de xaneiro de 2014

A portavoz do PP mantivo onte unha reunión co xerente da asociación e a secretaria xeral de Urbanismo do Goberno galego

O PP interésase polas esixencias da Xunta para garantir a viabilidade do proxecto de Prodeme

Julia Rodríguez adaptará a súa moción para o Pleno aos requisitos trasladados pola Xunta para a recalificación da parcela "e para que poida levarse a cabo canto antes"

A portavoz do PP en Monforte e deputada autonómica Julia Rodríguez mantivo onte un encontro co xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, e coa secretaria xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, para coñecer as esixencias do Goberno galego que garantan a viabilidade do proxecto que a asociación planea construír en Monforte.

A popular xestionou esta entrevista a petición do xerente da asociación de discapacitados intelectuais para coñecer, de primeira man, os requisitos que a Xunta porá para a recalificación da parcela, un trámite que ten que iniciar o Concello, como así acordou o Pleno por unanimidade en xaneiro do ano 2012.

Por iso, o Grupo Municipal do PP acordou ademais adaptar a moción que presentou para o seu debate no Pleno do próximo luns aos comentarios e esixencias dadas a coñecer pola secretaria xeral de Urbanismo na reunión celebrada onte en Santiago.

"Insistiremos en que o Goberno local inicie o máis axiña posible o procedemento para a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento reclasificando a parcela afectada, propiedade da asociación Prodeme", explica a portavoz. O PP fai esta petición co propósito de levar a cabo canto antes a totalidade do proxecto asistencial que a asociación está desenvolvendo na Rúa Branco Amor.

Os populares recordan que Prodeme realizou a solicitude para a recalificación da parcela o 9 de novembro de 2011 para seguir incrementando as actividades asistenciais que lle son propias. A Corporación acordou por unanimidade na sesión do 31 de xaneiro de 2012 atender a petición da asociación que comprometía ao Goberno local a iniciar o procedemento.

Unha proposta moi ambiciosa

A popular sinala que se trata dunha proposta moi ambiciosa que ampliaría a fase xa construída complementándoa cun centro ocupacional de 50 prazas, un centro de día de 40 prazas, un centro para grandes dependentes e residencia para gravemente afectados con 20 prazas. Tamén se prevé que mellore a oferta residencial existente de 20 vivendas tuteladas con 8 vivendas máis de similares características.

Rodríguez considera que o proxecto vólvese agora "máis relevante e urxente" na medida en que serviría para dar resposta ás necesidades dos alumnos do Centro de Educación Especial Infanta Elena unha vez terminen a súa estancia no Colexio, así como a todos aqueles discapacitados que poidan necesitar os servizos que ofrecerá o centro.

Novas

Redes Sociais