Novas

Sábado, 25 de xaneiro de 2014

Os populares solicitan ademais coñecer a repercusión económica que tería para o Concello o impago das cantidades que lle corresponden pola xestión e tratamento dos residuos urbanos

O GMPP pide un informe para saber se a recadación do IBI de 2014 sería suficiente para sufragar o canon de Sogama

Julia Rodríguez entende que o Goberno local podería destinar o importe do imposto estatal a este fin para que o incremento non repercuta nos veciños de Monforte

O Grupo Municipal do PP solicitou esta semana un informe ao servizo de Intervención municipal do Concello no que se indique se o incremento de ingresos que representa a prórroga do tipo 0,60 do IBI correspondente ao exercicio 2014 supera e en que contía o importe do incremento previsto do canon da Sociedade galega de Medio Ambiente (Sogama).

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, entende que, de ser suficientes estes recursos, o Goberno local podería destinar o importe recadado do IBI a sufragar o incremento do canon de Sogama "de maneira que non repercuta nos veciños de Monforte".

Os populares demandan ademais coñecer a repercusión económico financeira que pode traer consigo o impago das cantidades que lle corresponde abonar a Sogama en concepto de canon pola xestión e tratamento dos residuos urbanos. O GMPP pide esta información tras coñecer as manifestacións do alcalde a través dos medios de comunicación nas que mostra a súa negativa a abonar o canon correspondente.

Advertencias da Lei

Desde o PP advírtenlle ao alcalde nacionalista o que isto suporía, tal e como recolle a Lei de Orzamentos Xerais para 2014.

"En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, entre as condicións para a adhesión figurará a dun tempo mínimo de adhesión que permita realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos a tratar e a de que en caso de impago das cantidades que corresponda abonar ás entidades locais en concepto de canon unitario estas terán a consideración de vencidas, líquidas e exixibles a efectos do seu abono con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, a instancia da sociedade pública, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do Fondo de Cooperación Local de acordo co establecido na regulación do mesmo. As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública".

Os populares precisan ademais que o canon será de aplicación salvo que se remitira acordo en contra no prazo de dous meses desde a entrada en vigor da Lei, sen que no caso de Monforte exista constancia de que tal acordo fora adoptada polo órgano competente.

Novas

Redes Sociais