Novas

Martes, 28 de xaneiro de 2014

Os populares demandaron datos en relación coa recadación do IBI para saber se sufragaría o canon pola xestión e tratamento de residuos, así como a repercusión do impago á sociedade

Julia Rodríguez considera "gravísima" a decisión do alcalde de prohibirlle a Intervención que elabore o informe sobre Sogama solicitado polo PP

A portavoz do PP lamenta que o alcalde vaia a dedicarse "a forrar o consistorio con pancartas" en lugar de xestionar adecuadamente os recursos públicos

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, considera "gravísima" a decisión feita pública onte polo alcalde no transcurso do Pleno na que asegurou que Intervención non elaborará o informe sobre o pago a Sogama solicitado polo Grupo Municipal Popular.

O PP solicitou recentemente un informe no que se indicase se o incremento de ingresos que representa a prórroga do tipo 0,60 do IBI correspondente ao exercicio 2014 supera e en que contía o importe do incremento previsto do canon da Sociedade Galega de Medio Ambiente. Os populares pediron ademais coñecer a repercusión económico financeira que pode traer consigo o impago das cantidades que lle corresponde abonar a Sogama en concepto do canon pola xestión e tratamento dos residuos urbanos, unha posibilidade que trasladou o rexedor nos últimos meses a través dos medios de comunicación.

O Grupo Municipal do PP considera que o seu posto na Corporación autorízao a solicitar este tipo de información, polo que lle pide ao alcalde que rectifique e permita que o Concello actúe conforme á Lei e non prive aos cidadáns dunha información de interese público e que pode interferir nos investimentos que se realicen na cidade e que deben coñecer.

O PP mostra a súa oposición á decisión do nacionalista e esíxelle que aclare cal será a situación con respecto ao canon de Sogama e se o Goberno local pensa abonar a cantidade que lle corresponde ou baralla outras posibilidades.

Colocación de pancartas

O Pleno decidiu onte, coa abstención do PP, a colocación de dúas pancartas nas que, por unha banda, se rexeitará o proxecto de Lei do aborto e, por outro, criticarase o novo canon de Sogama. Julia Rodríguez lamenta que o alcalde decida "forrar o consistorio con pancartas" en lugar de xestionar adecuadamente os recursos públicos dos que dispón.

"Tómase unha decisión política coa que non todo o mundo ten por que estar de acordo cando a función dun rexedor non debe ser a de empapelar o Concello con pancartas". A portavoz rexeita que o Concello vaia a asumir un custo "innecesario e pouco produtivo", co único fin de conseguir unha foto na prensa.

Novas

Redes Sociais