Novas

Mércores, 29 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal do PP recórdalle ao rexedor que el mesmo recoñeceu no Pleno que propostas como as de Lousame só son viables "para os concellos que están alí á beira"

O PP esíxelle ao alcalde que aclare que modelo de xestión de residuos vai adoptar

A portavoz popular cre que o alcalde "debe dedicarse a xestionar o Concello e deixar de liderar movementos cos que busca un protagonismo máis aló de Monforte el saberá con que fins"

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, esíxelle ao alcalde que aclare que modelo de xestión de residuos pensa adoptar e que deixe de crear confusión, logo de coñecer a través dos medios de comunicación a intención do nacionalista de estudar alternativas a Sogama. A portavoz recórdalle ao rexedor que, como el mesmo recoñeceu no Pleno, propostas como a de Lousame só son viables para concellos "que están alí á beira".

Ademais, o nacionalista asegurou no Pleno que os orzamentos recollerían o pago á entidade pública, polo que agora o GMPP non entende que se desdiga e afirme que estudará outras opcións.

Así, o Grupo Municipal do PP considera que o alcalde debe aclarar "dunha vez por todas" se pensa promover unha central comarcal de xestión de residuos, seguindo o modelo do Barbanza, se vai optar por seguir formando parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente, ou se pensa iniciar algún procedemento xudicial como deu a entender nos medios de comunicación como fixeron Gobernos como o de Pontevedra con resultado negativo para o Concello.

Os populares sinalan ademais que o rexedor "debe dedicarse a xestionar o Concello e deixar de liderar movementos cos que só busca un protagonismo político máis aló de Monforte el saberá con que fins".

Recadación do IBI

Desde o PP insisten en poder coñecer a través do servizo de Intervención, tal e como solicitaron de xeito formal, se o incremento de ingresos que representa a prórroga do tipo 0,60 do IBI correspondente ao exercicio 2014 sería suficiente para sufragar o canon correspondente a Sogama, de maneira que non se lle repercuta aos veciños.

Novas

Redes Sociais