Novas

Sábado, 1 de febreiro de 2014

O GMPP presentou unha moción na que esixen que a concesionaria cumpra o contrato e acometa as obras necesarias de conservación, reparación e substitución das instalacións e a rede

O PP demanda a renovación da rede de saneamento para evitar prexuízos aos veciños e a imposición de novas sancións ao Concello

Os populares dan a coñecer un informe da Xunta no que se describe o sistema de saneamento como antigo e cunha evolución caótica, sen planificación e coordinación

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que o Goberno local leve a cabo as actuacións necesarias para a renovación paulatina da rede e instalacións de saneamento público, priorizando a renovación daqueles elementos que de xeito reiterado sufriron incidencias -roturas, filtracións, vertidos- polo seu mal estado. O PP explica que o obxectivo é o de evitar danos e prexuízos aos veciños e a imposición de sancións ao Concello como consecuencia do deficiente estado de conservación das instalacións públicas de saneamento.

Desde o PP esixen ademais que se obrigue á concesionaria a cumprir o contrato nos seus propios termos, requiríndoa para que acometa as obras necesarias de conservación, reparación e substitución das instalacións e da rede de saneamento para garantir o normal funcionamento do servizo e a súa adecuada prestación. Os populares engaden que, de non ser atendidos os requirimentos anteriores por parte da concesionaria, se incoen os expedientes sancionadores ou as medidas procedentes de conformidade co establecido no contrato.

A moción do PP explica que a explotación do servizo foi obxecto de concesión no ano 2001 do que resultou adxudicataria Aqualia. Entre as súas obrigacións está asumir a condución de augas residuais e pluviais, a conservación e reparación das instalacións de evacuación, canalización e vertido de augas, así como as obras de mantemento e conservación de conducións e instalacións e a renovación e/ou substitución de conducións e instalacións deterioradas.

Informe da Xunta

O Grupo Municipal do PP aporta as conclusións dun informe da Xunta de Galicia no que se dá conta dun sistema de saneamento antigo, que evolucionou de xeito caótico, sen planificación e coordinación. Precisa tamén que se trata dun sistema con graves problemas de infiltracións e acometidas de augas pluviais, que se descoñece case na súa totalidade a rede de saneamento e que a EDAR urbana de Piñeira presenta graves deficiencias. O estudo deixa á vista ademais a existencia de alivios directos ao Cabe, alivios permanentes incluso en tempo seco en distintos puntos da cidade e, en definitiva, un funcionamento moi deficiente.

Tamén no documento do PXOU que se someteu a aprobación inicial mencionábase un sistema de saneamento no que as "insuficientes e desfasadas infraestruturas están a comportar a degradación das augas e dos ecosistemas acuáticos, afectando dunha forma directa aos espazos naturais e ás especies protexidas no territorio comarcal" sinalando que "é preciso avanzar no apropiado saneamento, depuración e vertido de augas residuaiss, debendo converterse en urxente e prioritaria a mellora das infraestruturas e da xestión dos riscos de contaminación".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, menciona na moción as queixas dos veciños e as avarías e danos que se producen en múltiples rúas como Juan Montes, Inés de Castro, Camiño Real, Doutor Teijeiro ou Rof Codina, entre outros. "Atopámonos ante unha rede de saneamento obsoleta e moi deteriorada que non foi obxecto da mínima actuación de renovación e substitución que requiriría ao longo dos últimos anos", esgrime.

Pago de sancións con demasiada frecuencia

Rodríguez indica que, ademais dos danos e prexuízos para os monfortinos, está situación provoca que os recursos municipais se dediquen con demasiada frecuencia e en contías importantes a asumir sancións derivadas dos vertidos que se producen a consecuencia do mal estado das instalacións. Na Xunta de Goberno do 7 de febreiro de 2013 págase unha sanción de 13.043 euros por vertido de aliviadeiros de colector, mentres que na Xutna de Goberno do 22 de novembro de 2013 ordénase un pago por importe de 32.140 euros a consecuencia dos vertidos de augas residuais ao regato Carballo.

A portavoz do PP considera que as actuacións meramente paliativas por parte do equipo de Goberno e a falta da renovación das instalacións deterioradas abocan á rede "a un colapso total".

Novas

Redes Sociais