Novas

Martes, 4 de febreiro de 2014

O Grupo Municipal do PP solicita que se adapten as ordenanzas municipais á nova normativa estatal e autonómica sobre licenzas de actividade

O PP demanda que se acomode a normativa local ás modificacións lexislativas que estimulan o emprendemento e as actividades económicas

Deste xeito redúcese a burocracia que dificulta a implantación de empresarios e profesionais

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que se proceda a acomodar a normativa local do Concello ás modificacións lexislativas dirixidas a estimular o emprendemento e a implantación de actividades económicas, empresariais, profesionais, industriais ou comerciais, reducindo a burocracia que dificulta esa implantación mediante a modificación das ordenanzas municipais que resulten afectadas.

O GMPP presenta esta iniciativa na procura de medidas correctoras ou mecanismos que contribúan a frear o desemprego, "un dos principais problemas do municipio". Os populares recordan que o Goberno autonómico e o estatal promoven modificacións normativas que contribúen a facilitar a implantación de novas empresas e negocios, reducindo a burocracia asociada á súa posta en marcha co ánimo de estimular o emprego e aos emprendedores.

Entre os exemplos que cita o PP está o RD Lei 19/2012 de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos na que se eliminan as licenzas previas á apertura e actividade vinculadas a establecementos comerciais de ata 300 metros, as súas instalacións e para determinadas obras previas. A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, explica que este Real Decreto Lei afecta ao Concello de Monforte que, como o resto, teñen que adecuar o seu normativa local a este cambio lexislativo co fin de suprimir a esixencia de licenzas ou feitos impoñibles en taxas e impostos que xa non son exixibles, incorporar a presentación de declaracións responsables ou comunicacións previas, así como o procedemento de control posterior.

No ámbito autonómico tamén se teñen aprobado cambios que afectan á normativa local como a Lei 9/2013 de Emprendemento e competitividade de Galicia na que se establece un réxime xurídico único do exercicio de actividades na Comunidade, eliminando de xeito pleno e efectivo a licenza de apertura previa á instalación e ao comezo da actividade, o que fai necesario modificar a regulación das ordenanzas municipais naquelo que se vexa afectado por esta nova regulación.

Novas

Redes Sociais