Novas

Mércores, 5 de febreiro de 2014

A portavoz do PP considera que se o traballo dos nacionalistas fose eficaz non proliferarían os conflitos de xeito constante

Julia Rodríguez esíxelle ao alcalde que responda ante os problemas que crea "a súa nefasta xestión á fronte do Concello"

Repróchalle ao equipo de Goberno que se perderan subvencións, que deixe de solicitar axudas, as sancións por incumprimento da normativa ou a falta de dilixencia na aprobación dos orzamentos municipais

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, esíxelle ao alcalde que responda ante os problemas que creou e segue creando "a súa nefasta xestión á fronte do Concello". A popular explícalle ao nacionalista que o único responsable de que proliferen os conflitos municipais é un equipo de Goberno instalado "na desidia máis absoluta".

"Non imos permitir que culpabilice á oposición dos seus problemas cando nós o que estamos facendo é o labor de control que nos corresponde e advertindo a todos os cidadáns do modo ineficiente no que este Goberno local está xestionando os recursos públicos".

Desde o Grupo Municipal do PP de Monforte repróchanlle ao alcalde os numerosos despropósitos que creou e que foron obxecto de informacións nos medios de xeito frecuente, tales como perder unha subvención para a contratación dun axente de emprego de desenvolvemento local, a perda doutras axudas que nin sequera solicitaron, as sancións por non pedir as correspondentes licenzas para obras, como ocorreu co muro do río, así como a falta de dilixencia que permitise aprobar os orzamentos municipais de 2014 en prazo.

Os populares critican ademais que non se adaptaran as ordenanzas locais ás novas normativas autonómicas e estatais, pese a que algunha delas leva en vigor desde o ano 2012. "Sen deixar de mencionar e igualmente relevante a gran cantidade de acordos adoptados polo Pleno que gardou no caixón do esquecemento", engade a portavoz.

Papel da oposición

A portavoz do PP de Monforte defende o labor de oposición dos populares e destaca as súas xestións como parlamentaria e representante do PP en temas tan transcendentais para a cidade como o mantemento do Parador de Turismo, a execución da obra do paseo ata Piñeira, ou as xestións relacionadas coa continuidade do taller de Renfe na cidade, entre outras moitas. "Facemos as xestións necesarias en todos aqueles ámbitos nos que creemos que podemos axudar", apunta.

Julia Rodríguez pídelle ao alcalde que "se non quere que se aireen todos os seus erros, que xestione o Concello de xeito responsable e eficaz, pero mentres tanto daremos cumprida conta de todos e cada un dos problemas que xera o seu modo de gobernar", conclúe.

Novas

Redes Sociais