Novas

Sábado, 8 de febreiro de 2014

O GMPP desvela que existen contratos que exceden en varios anos o límite legalmente establecido para as prórrogas, así como outros nos que se fan pagos sen tramitar o correspondente expediente de contratación

O PP denuncia a existencia de irregularidades en pagos e prórrogas de contratos por parte do Goberno local

Os populares demandan que se regularice a situación de arrendamentos e servizos e se cumpra o acordo plenario do ano 2011 que así o obriga

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que denuncian a existencia de irregularidades nos pagos realizados por parte do Concello a determinadas firmas, así como o mantemento de contratos irregularmente prorrogados.

Á portavoz do PP, Julia Rodríguez, parécelle "especialmente grave" que o Goberno local "decida seguir con esta práctica" ao coñecer, a través dos medios de comunicación, unhas declaracións da portavoz municipal, a señora Veiga Buján, nas que explica que Rural Consulting -unha das firmas afectada por estas irregularidades- "seguirá un ano máis coa organización directa dos mercados temático"?.

Vulneración dos principios de concorrencia e obxectividade

O GMPP demanda que se cumpra un acordo plenario do 2011 respecto dos servizos que se realizan de forma continuada e por tempo prolongado polas mesmas persoas físicas ou xurídicas sen contrato ou con contrato irregularmente prorrogado. O PP fai esta petición porque considera que se están vulnerando os principios de concorrencia e obxectividadd que rexen a contratación administrativa e de face a evitar os prexuízos que esta actuación poderían derivar para o Concello.

Os populares solicitan ademais que se tramiten os correspondentes expedientes de contratación para regularizar a situación de arrendamentos e servizos que non contan co contrato correspondente, así como aqueles en os que o contrato xa ten expirado sen que caiban novas prórrogas.

O acordo adoptado polo Pleno o 26 de decembro de 2011 fixaba:

"1.que se proceda a tramitar os correspondentes expedientes de contratación respecto dos servizos de limpeza de diversas instalacións municipais que veñen realizando de forma continuada e por tempo prolongado as mesmas persoas físicas ou xurídicas a fin de evitar que se sigan vulnerando os principios de concorrencia e obxectividade que rexen a contratación administrativa e os posibles prexuízos que de tal actuación poderían derivar para este Concello.
2. que se proceda a tramitar os correspondentes expedientes de contratación a fin de regularizar a situación de arrendamentos e servizos que non contan co correspondente contrato ou que o existente expirara sen que caiban novas prórrogas como é o caso da entidade Consultora Galega S.L.".

Pese á adopción deste acordo o PP desvela que existen multitude de empresas e profesionais, en moitos casos de fóra de Monforte, que prestan servizos de forma permanente para o Concello en condicións de contratación irregulares, o que ademais motivou reparos do servizo de Intervención ás súas facturas.

Algúns exemplos de prácticas irregulares:

-Pedra Salgada, empresa de limpeza de Santiago. Para facernos unha idea da súa facturación no mes de setembro, apuntamos as facturas de data 25.9.13, todas elas con reparos:
-limpeza setembro CIP A Gándara: 1910'34 euros
-limpeza setembro Casa da Cultura: 912'17 euros
-limpeza setembro Centro Interpretación Ribeira Sacra: 1016'24 euros
-limpeza setembro Colexio Novo: 2.782'29 euros

Os contratos que rexían estes servizos terminaron fai tempo e o seu importe supera claramente o do contrato menor, polo que deberían someterse a licitación.

Outro exemplo constitúeno os pagos mensuais a "Reverso, Comunicación, Cultura e Lingua S.L." de Milladoiro (Ames) por importe de 1180 euros/mes en 2012 e 1.210 euros/mes en 2013 pola redacción dos contidos informáticos para a páxina web. O servizo préstase durante máis dun ano, de maneira que supera os límites do contrato menor, o que obriga a tramitar o correspondente expediente de contratación de acordo cos principios de publicidade e concorrencia de forma que non pode tramitarse o gasto como un contrato menor mediante presentación de factura, e con todo estase facendo así. O reparo de intervención, advirte ademais da necesidade de xustificar a insuficiencia de recursos propios que obriguen a acudir a un servizo externo. Neste caso, este Concello dispón de persoal suficiente e cualificado para asumir esta tarefa cos recursos propios.
"Comunicación Gráfica S.L" con domicilio en Vigo, presenta facturas de cartelería para mercados temáticos desde o ano 2012 e con motivo da celebración de cada mercado. Importe facturado: 22.741 euros. Supera o importe do contrato menor.
- "Rural Consulting", con domicilio en Allariz. Leva prestando servizos para este Concello desde fai anos de forma ininterrompida. Agora mesmo presenta facturas pola organización de cada mercado temático desde o ano 2012. O importe facturado ascende a 25.140'17 euros. Tería que tramitarse o correspondente expediente de contratación, pero non se fixo.
-"Sistema de oficinas Lugo S.A." presenta factura polo mantemento das fotocopiadoras desde fai varios anos excedendo os límites do contrato menor.
- Existen outros contratos irregularmente prorrogados como os de "Automatismo e control de tráfico S.L." cuxo contrato data de 13-10-2006, malia que os contratos menores non poden ter unha duración superior a un ano nin ser obxecto de prórroga. O mesmo ocorre coa empresa "VE e C Prieto e Puga S.L.", cun contrato de mantemento de equipos da policía local, de data 10.09.2004, que non pode prorrogarse máis aló de 4 anos.

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, pregúntase ademais se non existen empresas en Monforte ás que poida contratarse para facer carteis ou organizar mercados.

Novas

Redes Sociais