Novas

Martes, 18 de xuño de 2013

O Grupo Municipal do PP xa amosou o seu desacordo en 2012 co feito de que non todos os cidadáns poidan fraccionar o pago

O PP critica que o alcalde condene aos monfortinos a pagar máis polo IBI ata o ano 2019

Os populares recordan que a medida do Goberno central é transitoria, dura dous anos, pero o Plan de axuste que aprobou o Concello obriga a manter un tipo do 0,55 durante seis anos máis

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde da cidade condene aos monfortinos a pagar máis polo Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ata o ano 2019. Os populares recordan que a medida do Goberno central foi tomada para o control do déficit con carácter transitorio para os anos 2012 e 2013, aínda que no caso de Monforte o Plan de axuste aprobado polo Goberno local prolonga este incremento da taxa durante seis anos máis.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, comprende o desgusto dos cidadáns, que logo de pagar hai sete meses un recibo de maior importe, agora reciben outro no que a subida é aínda maior. Recorda que foron o BNG e o PSOE os que decidiron que o recibo sexa fraccionado só para aqueles que teñen o pago domiciliado. "No seu momento non apoiamos esa modificación, polo que agora entendemos as queixas dos cidadáns".

Julia Rodríguez precisa que no ano 2014 habería que volver ao tipo anterior, posto que a medida do Estado era transitoria, pero o Plan de axuste que aprobou o Concello de Monforte prolonga a suba nun tipo do 0,55 ata o ano 2019 "como consecuencia da mala situación que atravesan as arcas municipais". "Era unha medida de carácter transitorio por dous anos que o Goberno local vai impoñer durante seis anos máis".

Reunión de alcaldes

En relación coa reunión de alcaldes que o rexedor monfortino convocou o pasado sábado, a portavoz do PP insiste en que se trataba dunha convocatoria que tiña como único fin "o desgaste político" en contra das medidas da Xunta e o Goberno central. O Grupo Municipal do PP considera que o foro adecuado para trasladar as queixas e suxestións en relación coa Lei de Bases de Réxime Local debe ser a Fegamp, onde tamén se pronunciaron os rexedores do PP.

"Este tipo de iniciativas desautorizan á Fegamp e dividen ao municipalismo, polo que non nos parecen positivas", apostila a portavoz. Julia Rodríguez recomenda ao rexedor monfortino reunirse cos alcaldes da Comarca para buscar solucións en positivo a cuestións como o deslinde con Sober, o funcionamento dos catamaráns ou a obtención de subvencións que emanan da administración autonómica, para o que é fundamental alcanzar candidaturas conxuntas que acheguen maior puntuación ás propostas.

Novas

Redes Sociais