Novas

Luns, 17 de febreiro de 2014

O Grupo Municipal do PP destaca a importancia de que firmas de Monforte "poidan ofrecer os seus produtos na praza de abastos"

O PP demándalle ao Concello o compromiso de organizar actividades e mercados que impulsen o comercio local

Julia Rodríguez insiste en reclamarlle ao Goberno local que regularice a situación da empresa encargada da xestión dos mercados

O Grupo Municipal do PP de Monforte demándalle ao Concello o compromiso de organizar actividades e mercados que impulsen o comercio local. Un exemplo diso é o mercado de oportunidades que este fin de semana acolleu a praza de abastos e no que participaron 14 establecementos de Monforte.

O Grupo Municipal do PP destaca a importancia de que as firmas da cidade do Cabe "poidan ofrecer os seus produtos na praza de abastos" como unha forma de reactivar e reforzar o comercio local. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, anima ademais ao Goberno do BNG a que tamén para a execución de obras se teña en conta ás empresas de Monforte, como así acordou a Corporación a través dun acordo de Pleno.

Situación irregular da empresa organizadora

Os populares insisten ademais en que o Goberno local corrixa a situación irregular na que presta os seus servizos a empresa encargada da xestión dos mercados temático e avanza que "existen firmas en Monforte interesadas nese traballo". Julia Rodríguez sostén ademais que, a diferenza do mercado deste fin de semana, a maior parte dos mercados anteriores non tiveron o éxito esperado nin houbo unha importante presenza de firmas locais.

"Esiximos que se regularice a xestión dos mercados para que poida optar á súa organización algunha empresa de Monforte e que non se siga adiante coa súa prórroga pese aos reparos de Intervención. Tamén pedimos que se propoñan mercados que permitan a maior presenza posible de comerciantes locais", engade.

Os populares consideran que os mercados temáticos organizados ata o momento na praza de abastos "esqueceron aos empresarios de Monforte", polo que resulta cuestionable o gasto que supoñen en relación co volume de negocio que xeran para a cidade. Por iso, o Grupo Municipal do PP aposta por iniciativas que primen o comercio local como un modo de que a riqueza que poida xerarse da actividade sexa repercutida nas firmas locais.

A portavoz do PP considera prioritario que se aposte "de xeito firme e decidido" polo comercio local, polo seu mantemento e expansión, polo que piden ao Concello accións encamiñadas a incrementar o potencial de venda das firmas locais. "O último mercado resultou beneficioso para os empresarios da cidade, segundo recollen os medios de comunicación e segundo puidemos comprobar, polo que podería ser unha boa idea que se organicen mercados con maior presenza de comerciantes locais".

"Celebramos o éxito deste mercado de empresas locais. É esta presenza a que lle dá utilidade e produtividade a estas iniciativas de estímulo do comercio local e non a presenza de empresas de fóra", conclúe.

Novas

Redes Sociais