Novas

Xoves, 20 de febreiro de 2014

O Grupo Municipal Popular solicitou un informe a Intervención que os nacionalistas manteñen bloqueado

O PP pide ao Goberno local que destine a recadación do IBI a abonar o canon de Sogama

Julia Rodríguez recórdalle ao rexedor municipal que "non necesita tocar outras partidas" porque o incremento de ingresos do imposto estatal sería suficiente para sufragar o pago á Sociedade Galega de Medio Ambiente

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao Goberno local que destine a recadación do IBI correspondente ao exercicio 2014 a abonar o canon de Sogama. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recórdalle ao rexedor municipal que "non necesita tocar ningunha outra partida dos Orzamentos porque o incremento de ingresos derivado do imposto estatal sería suficiente para sufragar o pago á Sociedade Galega de Medio Ambiente".

"O pago a Sogama parécenos unha escusa para atrasar a aprobación dos Orzamentos cando nós xa pedimos antes que ese canon se abone co diñeiro recadado polo IBI", expón. Rodríguez esixe ademais que o alcalde "explique os verdadeiros motivos polos que non é posible aprobar as contas municipais".

Os populares recordan ademais que xa no mes de xaneiro solicitaron un informe do servizo de Intervención do Concello no que se indicara o incremento de ingresos que representa a prórroga do tipo 0,60 do IBI que corresponde ao exercicio 2014 para saber si supera e en que contía o importe previsto do canon de Sogama.

Informe bloqueado

Julia Rodríguez sostén que estes recursos serían suficientes para sufragar os servizos de tratamento de residuos a Sogama, polo que insisten en poder dispoñer dun informe oficial que así o acredite e que "ata o momento" o alcalde impediu elaborar. "Se destina a recadación do IBI ao canon da Sociedade Galega de Medio Ambiente non só non ten que tocar ningunha partida dos Orzamentos, senón que os veciños terán a garantía de que non se lles repercutirá ese incremento", defende a popular.

Nesa mesma petición, que o Goberno local mantén bloqueada, o Grupo Municipal do PP solicitou ademais poder coñecer a repercusión económico financeira que pode traer consigo o impago das cantidades que corresponde abonar a Sogama en concepto do canon pola xestión e tratamento dos residuos urbanos, unha posibilidade que o rexedor veu trasladando nas súas últimas intervencións públicas.

Novas

Redes Sociais