Novas

Sábado, 22 de febreiro de 2014

O Grupo Municipal Popular pide explicacións sobre o extravío do documento despois de que o Goberno local mantivera durante dez anos que non estaba no Concello

O PP denuncia os graves prexuízos causados polo Concello ao perder "de xeito sospeitoso" a oferta da concesionaria da auga

Julia Rodríguez esixe aos nacionalistas que aclaren as actuacións que teñen previsto levar a cabo, así como as negociacións que no seu día mantiveron coa concesionaria e que paralizaron numerosos investimentos na cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia os graves prexuízos causados polo Concello ao perder "de xeito sospeitoso" a oferta da concesionaria do auga. O PP presentará unha pregunta no próximo Pleno na que se interesará por saber cómo desapareceu a oferta da empresa da auga e qué efectos trouxo consigo o extravío. Os populares mostran a súa sorpresa pola recente aparición do documento despois de que o Goberno local mantivera durante dez anos que non estaba no Concello.

Os populares queren saber se o alcalde vai adoptar decisións en relación con esta desaparición "en estrañas circunstancias" cando ten a obrigación legal de custodiar os documentos oficiais. "Preguntaremos se vai tomar algunha medida ou investigar as circunstancias nas que se produciu este extravío e tamén qué negociacións mantivo o rexedor coa concesionaria para que se paralizasen gran parte dos investimentos comprometidos na oferta", precisa.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, esixe aos nacionalistas "explicacións claras" sobre o sucedido despois de que se perderon tres xuízos por non aportar a documentación que "durante todos estes anos permaneceu no Concello". Os populares desvelan ademais que non existe "nin un só expediente sancionador contra os incumprimentos da concesionaria, salvo un do ano 2004 pola presenza de auga turbia e que nin tan sequera se terminou nin se lle impuxo sanción posto que segue sen resolver".

Ningún requirimento á empresa

Os populares rexeitan os argumentos esgrimidos polo Goberno local e afirman que non lles serve só que se reclame o canon de explotación, posto que non se lle dirixiu ningún outro requirimento á empresa pese a ter incumprido o contrato de xeito flagrante ao longo destes anos. Julia Rodríguez pregúntalle ademais ao alcalde que aclare como pode reclamar o canon de explotación se este estaba fixado na oferta que permaneceu desaparecida durante dez anos. ¿En base a que se reclamou o canon se non tiña a oferta?, ou ¿é que a tiña pero quixo ocultala?, inquire a popular.

Entre os incumprimentos que a aparición do contrato deixan á vista atópanse melloras no estado da ETAP, a construción dun aula da natureza para escolares, a limpeza e acondicionamento das marxes do Cabe, a recuperación dunha pasarela sobre o río, unha canle de alevíns para a recuperación da troita autóctona, un miradoiro sobre os depósitos de San Vicente, unha fonte cibernética (48 millóns de pesetas) de envergadura superior á que se construíu, así como a posta en marcha dun parque acuático (265 millóns de pesetas), entre outros.

Tamén se comprometía un programa de control de vertidos, unha procura e detección de fugas para corrixilas e un inventario da rede para a súa reparación, "unha obrigación moi importante cando se perde a metade do que se consume", precisa Rodríguez.

"Parécenos impresentable que a portavoz do Goberno local diga que non ten sentido nin utilidade un parque acuático na cidade considerando a importancia que ten para Cerceda -con peor clima- e que podería haber tido en Monforte desde fai dez anos como reclamo turístico para escolares e familias de toda Galicia", indica.

Desde o PP denuncian que o Concello non reclame todas as melloras que figuran na oferta logo de perder os tres contenciosos xa celebrados e que tamén permita que non se realicen os investimentos comprometidos pola empresa e que nunca se levaron a cabo.

Onde estaba o PSOE?

O Grupo Municipal do PP pregúntase ademais "onde se atopaba o portavoz do PSOE naquel momento". Desde o PP recordan que o Señor Tomé formou parte dun goberno que xa tiña a actual concesión do auga, polo que non comprenden as afirmacións dos socialistas en relación co extravío da oferta.

Novas

Redes Sociais