Novas

Venres, 28 de febreiro de 2014

O Grupo Municipal Popular presenta unha batería de preguntas en relación coa aparición de oferta da concesionaria da auga tras permanecer extraviada dez anos

O PP preguntaralle ao alcalde se existe algún procedemento xudicial por desequilibrio económico entre Aqualia e o Concello

Julia Rodríguez interesarase ademais polas medidas que o Goberno local prevé tomar agora que xa se coñece a oferta

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha batería de preguntas ao Pleno desta tarde nas que lle pedirá explicacións ao alcalde sobre a desaparición da oferta presentada no seu día pola concesionaria Seragua -agora Aqualia- e que a vincula respecto do servizo de abastecemento e saneamento do Concello.

Os populares queren saber ademais se se mantivo algún tivo de negociación coa concesionaria respecto dos investimentos que estaba obrigada a realizar, así como se existe ou existiu algún procedemento xudicial por desequilibrio económico da concesión entre a empresa e o Concello e, de ser así, o estado no que se atopa.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, interpelará ao alcalde para saber en base a que consideracións se toma a decisión política de que non se construíse un parque acuático na cidade do Cabe, tal e como comprometía a oferta da concesionaria. Para rematar, o PP pedirá información tamén sobre as medidas que o Concello pensa adoptar unha vez que xa apareceu a oferta vinculante para a concesionaria.

Explicacións que non se sosteñen

Os populares rexeitan os argumentos esgrimidos polo Goberno local en relación co extravío nos que se indica que o documento se buscaba polo nome de Aqualia e non apareceu por estar gardado baixo o epígrafe de Seragua e por coincidir co traslado das dependencias municipais. Julia Rodríguez precisa que a explicación non se sostén posto que a adxudicación se realiza en abril do 2001 e Seragua cambia de nome en 2002, mentres que non é ata o ano 2004 cando se informa da desaparición da oferta. "O traslado tampouco serve como argumento porque cando se formaliza a concesión xa se leva a cabo nas dependencias actuais do Concello", indica.

O Grupo Municipal Popular define como "grave" que a oferta contemple importantes investimentos que non chegaron a realizarse como un miradoiro en San Vicente, unha fonte cibernética, un parque acuático, un aula da natureza, así como importantes investimentos e obrigacións, tanto na rede de saneamento como na de abastecemento. "A súa desaparición ocasionou e está ocasionando prexuízos irreparables aos monfortinos", critica Rodríguez.

Entre estes figuran as obrigacións de procura ou detección de fugas para evitar perdas, a elaboración dun programa de control de vertidos, ademais dos investimentos que a concesionaria tería que realizar na rede.

"Isto sen falar da perda de contenciosos e do canon de explotación que tiña que abonar a concesionaria, ademais de moitas outras obrigacións incumpridas, o que converte a desaparición deste documento nunha cuestión de extrema gravidade e repercusión económica", esgrime a portavoz popular.

Novas

Redes Sociais