Novas

Luns, 3 de marzo de 2014

O Grupo Municipal Popular mostra a súa sorpresa despois de que o alcalde desvelara no Pleno que non descarta "que a sentenza non sexa favorable"

O PP denuncia que o alcalde oculte a existencia dun procedemento xudicial por desequilibrio económico interposto por Aqualia

Julia Rodríguez esixe que se expliquen as medidas que o Goberno local ten previsto poñer en marcha para que a concesionaria acate o contrato, tras máis de dez anos de incumprimento

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o alcalde lles ocultara a todos os monfortinos a existencia dun procedemento xudicial interposto por Aqualia contra o Concello por desequilibrio económico. Os populares solicitaran información sobre este suposto no Concello pero non foi ata o pasado venres cando tiveron a confirmación por boca do rexedor nacionalista de que esa denuncia é real e está pendente de que se dite sentenza.

O alcalde explicou ademais, para sorpresa dos populares, que non descarta "que esa sentenza non sexa favorable", un aspecto que podería traer consigo consecuencias gravísimas para o Goberno local.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, critica que "non só extraviara a oferta de Aqualia durante máis de dez anos, perdan ata tres contenciosos por este motivo, senón que nos ocultaron a todos a existencia doutro procedemento que podería dar ao traste con todas as negociacións que agora queren iniciar coa empresa".

O Grupo Municipal do PP mostra o seu escepticismo co anuncio do Goberno local sobre as negociacións que pensan establecer coa empresa para que cumpra o contrato. "Levamos dez anos esperando a que se faga un investimento na cidade superior aos 4,5 millóns de euros, polo que queremos que o alcalde explique que pensa facer exactamente para que se lle dea cumprimento a todos os investimentos que fixa a oferta".

Unha "pésima" xestión

"Escepticismo porque hai investimentos como o parque acuático que o Goberno local rexeitou. Polo menos tería que explicar a que se ía a dedicar ese orzamento", indica Rodríguez. A popular define a xestión do alcalde como "pésima" tras recoñecer que leva dez anos negociando coa empresa cando non realizou ningún dos investimentos previstos. "¿Sobre qué negociaron exactamente se non se levou a cabo ningunha de melloras que comprometía a concesionaria?", pregunta a popular.

"Nada se sabe da construción dun aula da natureza para escolares, a recuperación dunha pasarela sobre o río, unha canle de alevíns para a recuperación da troita autóctona, un miradoiro sobre os depósitos de San Vicente, unha fonte cibernética (48 millóns de pesetas) de envergadura superior á que se construíu, así como a posta en marcha dun parque acuático (265 millóns de pesetas)". Tampouco do programa de control de vertidos, da procura e detección de fugas para corrixilas ou dun inventario da rede para a súa reparación, "todos eles compromisos do contrato", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais