Novas

Mércores, 5 de marzo de 2014

O Grupo Municipal do PP considera que se están vulnerando os principios de concorrencia e obxectividade que rexen a contratación administrativa

O PP esíxelle ao Goberno local que regularice os pagos e prórrogas de contratos de todas as empresas que prestan os seus servizos ao Concello

Julia Rodríguez pregúntase se os nacionalistas teñen a algunha firma contratada de xeito regular

O Grupo Municipal do PP de Monforte esixe ao Goberno local que regularice os pagos e prórrogas de contratos de todas as empresas que prestan os seus servizos ao Concello. O PP reitera esta petición despois de que a portavoz nacionalista desvelase no Pleno a existencia de numerosas empresas "de toda a vida" que contan con reparos de intervención e non teñen contratos regularizados.

É o caso, segundo citou Vega Buján, de varias firmas da cidade que nos últimos anos ingresaron importes que oscilan entre os 24.000 euros e os 720.000 euros. Tamén contan con reparos de intervención, como recoñeceu a portavoz do BNG, servizos como o guindastre municipal ou a sociedade protectora de animais, sen que se lle dea solución.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que non é suficiente ter a vontade de que a situación mellore, como expuxo a nacionalista, senón que é necesario regularizar os contratos e pagos posto que se están vulnerando os principios de concorrencia e obxectividade que rexen a contratación administrativa e de face a evitar os prexuízos que esta actuación poderían derivar para o Concello.

"Perden a oferta da auga durante máis de dez anos, non esixen que se fagan os investimentos que fixa en contrato, perden subvencións e manteñen numerosos contratos pendentes de regularizar. E non queren que digamos que a xestión é nefasta?", pregúntase a popular. "Os monfortinos deberían saber sE no Concello teñen a algunha empresa contratada de forma regular", engade.

Os populares insisten na necesidade de que se tramiten os correspondentes expedientes de contratación para regularizar a situación de arrendamentos e servizos que non contan co contrato correspondente, así como aqueles nos que o contrato expirara sen que caiban novas prórrogas.

O PP xa denunciou con anterioridade a existencia de multitude de empresas e profesionais, en moitos casos de fóra de Monforte, que prestan servizos de forma permanente para o Concello en condicións de contratación irregulares, o que ademais motivou reparos do servizo de intervención ás súas facturas. É o caso da empresa Rural Consulting que seguirá un ano máis coa adxudicación directa dos mercados temáticos sen dar oportunidade ás empresas e profesionais de Monforte a que opten a ocuparse deste servizo.

Novas

Redes Sociais