Novas

Venres, 7 de marzo de 2014

O Grupo Municipal do PP recórdalle que o Pleno aprobou por unanimidade pedirlle ao MAGRAMA e á Xunta a reparación da EDAR existente ou a construción dunhas novas instalacións

O PP recoméndalle a Docasar que "fale máis" co portavoz do PSOE no Concello para non repetir peticións xa aprobadas pola Corporación

Julia Rodríguez considera que o enfrontamento por encabezar a lista electoral municipal leva aos socialistas a pedir unha cousa en Monforte e outra diferente en Santiago

O Grupo Municipal do PP de Monforte recoméndalle ao deputado autonómico Vicente Docasar que "fale máis" co portavoz municipal do PSOE no Concello para non repetir nin corrixir peticións que a Corporación xa aprobou no Pleno. Os populares refírense en concreto á petición que o deputado anunciou en relación coa depuradora de augas residuais, motivo dunha moción do PSOE no anterior Pleno do Concello.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que o Pleno de Monforte aprobou por unanimidade solicitar ao MAGRAMA e á Xunta a activación do protoloco xeral de colaboración para as actuacións de saneamento dentro do Plan nacional de calidade das augas: saneamento e depuración 2008-2015 que permitan, coa participación do propio Concello, a mellora do sistema de saneamento e depuración que incluiría a renovación da EDAR existente ou ben, si así se considera, a construción dunhas novas instalacións para o tratamento de augas residuais na cidade.

A popular sostén que o enfrontamento por encabezar a lista electoral para as municipais leva aos socialistas a pedir unha cousa en Monforte e outra diferente en Santiago, posto que o portavoz municipal do PSOE aceptou que a petición se realice sen determinar unha data concreta, mentres que agora o deputado esixe que se contrate este ano.

Unha práctica que se repite

"Deberían falar entre si para non caer neste tipo de contradicións, igual que ocorre coa petición de accesibilidade en dependencias públicas de Monforte que Docasar presentou no Parlamento". Julia Rodríguez precisa que ese mesmo contido foi obxecto dunha moción presentada polo PP no Pleno do Concello e aprobada por todos os grupos, entre eles o PSOE, coa obrigación de dirixirse tamén á Xunta.

Desde o Grupo Municipal do PP de Monforte aconsellan ao deputado que faga un maior seguimento do traballo dos concelleiros do seu partido para evitar repetir mocións que xa se aprobaron ou copiar aquelas que presentan outros grupos como tamén ocorreu recentemente.

Novas

Redes Sociais