Novas

Mércores, 12 de marzo de 2014

O Grupo Municipal Popular interésase polas razóns polas que non se cederon as estruturas cando sí houbo presenza doutras similares chegadas de fóra da cidade

O PP preguntará ao Concello o motivo polo cal non prestou aos colexios as plataformas municipais para o desfile de Carnaval

Julia Rodríguez recibiu as queixas de varios interesados no uso das estruturas

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá explicacións ao Concello no próximo Pleno para saber o motivo polo cal se lles denegou aos colexios o uso das plataformas municipais que tradicionalmente usan no desfile de Carnaval. Os populares realizan esta solicitude logo de recibir queixas por parte de varios interesados que advertían de que este ano o equipo de Goberno negouse a ceder as estruturas esgrimindo "que non están aptas para ser emprestadas".

Tras revisar os decretos nos que o Concello denega o préstamo, a portavoz do PP, Julia Rodríguez, interésase polos problemas que presentan as plataformas, polo que preguntará se sufriron algún deterioro desde a última vez que se utilizaron ou se ten que ver con outros problemas de seguridade. As estruturas que o Goberno local cede aos colexios son as mesmas que se utilizan para outros eventos como a cabalgata de Reis.

O Grupo Municipal do PP descarta que a indicación sobre a seguridade teña que ver coa xeneralidade do desfile, como así fai pensar a existencia de plataformas similares doutros Concellos próximos, como Sober ou Pantón. Os populares queren saber se as plataformas están danadas e por iso o Concello non permite o seu uso ou se existen outras razóns que impiden a súa utilización.

Os populares lamentan ademais que o Concello non dispoña deste recurso para os centos de nenos que cada ano percorren as rúas da cidade con motivo do Carnaval. "Consideramos que supón un prexuízo para todos os posibles usuarios pero tamén trae consigo unha menor vistosidade para o desfile", esgrime Rodríguez.

Novas

Redes Sociais