Novas

Xoves, 13 de marzo de 2014

O Grupo Municipal do PP desvela a existencia dun documento elaborado polo gabinete de avogados Antas Hernández, da Coruña, no que se detalla o grao de cumprimento do contrato de xestión por parte da concesionaria

O alcalde pagou un informe en 2004 que abría a porta á resolución do contrato con Aqualia

Julia Rodríguez considera "inexplicable" que o rexedor encargase este traballo e non fixese nada, polo que pregunta por qué agora os monfortinos teñen que crer que vaia a esixirlle á empresa que cumpra

O Grupo Municipal do PP de Monforte desvela a existencia dun informe de 28 páxinas elaborado polo gabinete de avogados Antas Hernández, da Coruña, en marzo de 2004 no que se conclúe que "algunhas das infraccións detectadas, como é o caso de non terse realizado no primeiro ano as actuacións identificadas como iniciais sen cargo, a non presentación do plan director ou a inexistencia/insuficiencia de investimentos programados para o período 2001-2003 poden ser considerados incumprimentos de obrigacións esenciais do contrato e, xa que logo, susceptibles de dar lugar á resolución do contrato".

O informe, cuxo custo foi de 3.800 euros, tiña por obxecto precisar o grao de cumprimento do contrato de xestión do servizo público de abastecemento de auga e saneamento e as actuacións a seguir respecto dos incumprimentos ou irregularidades que puidesen detectarse. Os populares mostran a súa sorpresa e indignación porque, pese ao contido do documento, "o alcalde non tomou nin unha soa das medidas que se lle aconsellaron" e que tiñan que ver coa resolución do contrato, a imposición de sancións ou novos requirimentos.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que o alcalde carece de crédito algún para dicir agora, dez anos despois, que fará cumprir o contrato a Aqualia cando así o esixía este informe do ano 2004 "e non tomou nin unha soa medida". "Que lle fai pensar que agora os monfortinos o vaian crer cando di que obrigará á empresa a cumprir o acordado?", pregunta a popular. "Perde o contrato, aparecen informes que apostan pola resolución xa en 2004, cantas sorpresas máis nos esperan?", inquire a portavoz.

Xa gobernaban os nacionalistas

Julia Rodríguez rexeita ademais as explicacións do alcalde nas que responsabiliza ao PP en relación cun investimento para o período 2001-2003 de 2,4 millóns de euros "posto que era el o que estaba á fronte do equipo de goberno nese momento e a el lle correspondían as decisións en relación co incumprimento". O nacionalista ocupa o Goberno local de Monforte desde xuño do 2003, polo que estaba dentro do prazo para esixir o cumprimento desas obrigacións por parte de Aqualia.

O informe enumera unha serie de infraccións nas que tería incorrido a concesionaria, tipificadas en graves e leves, que poderían dar lugar á resolución do contrato. Entre as infraccións graves cita a inexistencia dun plan director, a non execución do plan de investimentos, o incumprimento sobre o persoal pola ausencia de oficiais especializados, a substitución e venda de contadores (había que substituír 2.000 no primeira ano e o prezo de venda foi superior ao definido na oferta) ou o incumprimento en relación coas obras de acometida e extensión da rede por percibir cantidades superiores ás autorizadas ou manifestamente abusivas.

Como infraccións leves sinálase a non presentación dun inventario de obras e instalacións, o plano a escala das redes de abastecemento e información sobre a conta de perdas e ganancias, entre outras.

O informe indica que o procedemento a seguir por parte do Concello debería apostar pola resolución do contrato; a imposición de sancións concretando as contías (que ascenden segundo os casos a 700.000 pesetas da época), e no seu caso a súa imputación á fianza presentada no seu día; ou facer novos requirimentos á adxudicataria.

Julia Rodríguez afirma que "en dez anos nada soubemos destas solucións, o que indica que non se tomou nin unha soa medida para solventar a situación".

Novas

Redes Sociais