Novas

Mércores, 19 de marzo de 2014

O Grupo Municipal Popular rexeita que sexan os cidadáns os que teñan que asumir os custos do servizo logo da permisividade que mantivo o Goberno local durante dez anos coa concesionaria

O PP oponse á subida da tarifa do auga aos monfortinos que propón o alcalde

Julia Rodríguez considera que debe terse en conta que a cantidade que se potabiliza nada ten que ver coa que se consome, como consecuencia do elevado número de fugas na rede

O Grupo Municipal do PP de Monforte anuncia que se opoñerá á subida da tarifa do auga que o alcalde lles propuxo na reunión mantida esta mañá. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, rexeita que sexan os monfortinos os que teñan que asumir os custos do servizo logo da permisividade que mantivo o Goberno local coa concesionaria durante máis de dez anos.

A portavoz do PP asistiu á reunión no Concello na que o rexedor apostou por destinar 150.000 euros máis á empresa a través dun aumento nas tarifas que terían que sufragar todos os cidadáns de Monforte. O PP mostra o seu total desacordo por dous motivos: a incapacidade do alcalde de conseguir que a empresa dese cumprimento ao contrato nestes dez anos e o desaxuste que existe entre o que realmente se potabiliza e o que se cobra polo servizo.

Os grupos da oposición tiveron acceso a un informe elaborado polo Concello no que se fai un cálculo estimado das cantidades que se potabilizan. O PP afirma que existe unha diferenza importante entre o que se potabiliza e o que chega ao consumidor, derivado en parte da existencia de numerosas fugas na rede que a empresa tería que solucionar, tal e como recolle o contrato.

"De 12.000 metros cúbicos diarios non chegan a consumirse nin 6.000 metros cúbicos", replica a portavoz do PP, quen asegura que o desaxuste entre o que se potabiliza e o que chega aos cidadáns non teñen por que soportalo os consumidores. O Grupo Municipal do PP pon o exemplo de consumo nocturno, de 250 metros cúbicos por hora, a metade do consumo diario real que se dan pola noite como consecuencia das fugas.

"Non podemos dar por boa a cuantificación que se nos propón sen ter un coñecemento máis exhaustivo dos custos reais da anterior potabilizadora e, xa que logo, do incremento real que pode supoñer, no caso de existir", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais