Novas

Sábado, 22 de marzo de 2014

A empresa demandou xa no ano 2005 que se lle compensase cunha subvención de 1,5 millóns de euros para paliar o déficit da concesión

O PP denuncia o "buraco negro" que suporía para os monfortinos que o alcalde perda a demanda por desequilibrio económico de Aqualia

Julia Rodríguez considera que existiu omisión e neglixencia por parte do Concello ao non contrarrestar a documentación que aportou a concesionaria advertindo de que estaba incumprindo o contrato

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia o "buraco negro" que suporía para os monfortinos que o alcalde perda a demanda por desequilibrio económico presentada pola empresa concesionaria do auga, Aqualia, no ano 2005 na que pide 1,5 millóns de euros de subvención para paliar o déficit da concesión por non subir as tarifas, entre outros motivos.

A portavoz popular, Julia Rodríguez, explica que "este revés co que o alcalde xa conta implicaría unha hipoteca inasumible para todos os cidadáns, froito da nefasta xestión dos nacionalistas á fronte do Goberno local".

O PP anuncia que pedirá copia da contestación e da proba documental que se aportou para a defensa deste asunto ao considerar que existiu omisión e neglixencia á hora de contrarrestar a documentación que facilitou Aqualia e que permitiu ao perito chegar ás conclusións que figuran no informe, sen ter en conta os incumprimentos nos que a concesionaria incorreu xa nesa data.

O Grupo Municipal do PP tivo acceso ao informe económico do perito xudicial que figura o Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo de marzo do ano 2009 no que se sinala a "total colaboración" prestada pola concesionaria e demandante "que puxo a maior dilixencia en aportar todos os datos, arquivos e documentación que lle foi solicitada". Pola contra, indica o informe, o Concello de Monforte "non cursou contestación algunha aos meus requirimentos".

No documento indícase que o déficit que se vai producindo cada ano ao final do exercicio 2005 alcanza un importe acumulado de 395.704 euros. Tamén destaca o feito de que o Concello non denuncie ningunha actuación imputable á mala xestión ou neglixencia de Aqualia na prestación do servizo, un feito que tería incidencia relevante na diminución do consumo e, polo tanto, na facturación. Aqualia confirma que "en ningún momento recibiu queixa en tal sentido".

Os motivos do desequilibrio
Segundo o perito xudicial, o desequilibrio susténtase, entre outras, en dúas circunstancias: a falta de recadación dos impagos, cuxa xestión lle corresponde en vía executiva ao Concello e a falta de revisión anual das tarifas, polo menos en proporción ao IPC. Aqualia remite ao Goberno local 364 recibos impagados por 4.008 euros aos que sumar 870 máis. O perito explica que non ten constancia de que os procedementos de cobro executivo se levaran a cabo.

En relación coa falta de revisión das tarifas, o informe recolle que a suma deixada de percibir nestes tres exercicios pola falta de incremento do IPC ascende a 94.305 euros. Tamén precisa que en 2005 o total de ingresos foi de 720.295 euros e o de gastos de 954.960 euros, producíndose, polo tanto, unha perda de 234.664 euros.

Por todo iso, o perito conclúe que "é evidente o desequilibrio económico e, a consecuencia deste, tamén o financeiro que padecía a concesión no exercicio 2005".

Os populares sosteñen que o perito chega a estas conclusións porque o Concello non se preocupa en desmentir os datos ao non responder aos seus requirimentos. "Terían que denunciar os incumprimentos da concesionaria", replica a portavoz do PP.

No informe conclúese que a subvención necesaria para equilibrar o resultado de explotación da concesión en devandito exercicio sería dun importe similar á perda obtida, é dicir, ao redor de 235.000 euros.

Desvío do diñeiro de Aqualia a outros fins

Os populares fan público ademais un informe de Intervención de marzo de 2009 no que se explica que a cantidade de 143.182 euros ingresada por Aqualia para a adquisición de terreos para a construción dun parque acuático foi destinada a outros fins, como así decidiu o BNG. En concreto, destináronse 51.086 euros aos terreos, mentres que o alcalde nacionalista gastou 35.917 euros en obras rurales e 56.178 euros en 2006 en alumado público.

Julia Rodríguez define como "inexplicable e lamentable" que a portavoz do Goberno preguntase nun Pleno a que destinou o PP eses recursos cando foron os nacionalistas os que os gastaron nuns fins diferentes aos que fixaba a oferta de Aqualia, coa que gañou en concurso para facerse co servizo.

Novas

Redes Sociais