Novas

Martes, 25 de marzo de 2014

O Grupo Municipal do PP denuncia o risco que representa a falta de protección do muro da ponte para peóns e turismos

O PP demanda que se asegure e protexa de xeito urxente a zona de tránsito peonil e rodado da Rúa Chamoso Lamas

Julia Rodríguez visitou o lugar e comprobou que a única protección existente son dúas vallas colocadas nunha parte da ponte sen sinalización algunha que advirta do risco existente na zona

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demanda que se proceda de xeito urxente a asegurar e protexer da zona de tránsito, tanto peonil como rodado, da Rúa Chamoso Lamas respecto do desnivel que presenta o terreo na súa marxe dereita, especialmente no que corresponde á zona da ponte sobre o arroio Zapardiel.

O PP realiza esta petición tras recibir queixas de veciños e usuarios en relación co mal estado da vía e da varanda da ponte que existe na mesma, sobre o arroio. A ponte ten derrubado o muro de protección que impide que se aproximen ou caian peóns ou vehículos á canle que se atopa a unha diferenza de nivel de aproximadamente catro metros sobre o vial.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, visitou o lugar e comprobou que a única protección existente son dúas vallas colocadas nunha parte da ponte sen sinalización algunha que advirta do risco. "O desnivel existente polo que transitan a diario vehículos e peóns representa un risco evidente que debe ser obxecto dunha actuación que o asegure e protexa", afirma.

O Grupo Municipal do PP asegura que a limpeza do arroio levada a cabo pola Confederación Hidrográfica Miño Sil evidenciou aínda máis o risco que a falta de protección do muro da ponte representa para turismos e peóns. Julia Rodríguez precisa, ademais, que os peóns vense obrigados a transitar por unha zona ocupada por mobiliario urbano e carente de protección algunha respecto ao desnivel do terreo que presenta en boa parte do seu percorrido.

Novas

Redes Sociais