Novas

Xoves, 27 de marzo de 2014

O Pleno aprobou en setembro, a instancias dos populares, que se eliminase a maleza da ponte, un acordo que o alcalde non executou

O PP pide ao equipo de Goberno que obrigue á concesionaria a limpar a Ponte Vella e a Muralla

Julia Rodríguez recorda que corresponde á empresa a prestación do labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que, previo informe ou licenza que corresponda da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, se adopten as medidas necesarias para proceder á limpeza da Ponte Vella e a Muralla de Monforte mediante a eliminación da maleza que crece entre os seus sillares para devolverlle o aspecto e mínimo mantemento que corresponde aos monumentos desta natureza. Os populares pídenlle ao equipo de Goberno que requira á empresa FCC o cumprimento do contrato que a obriga a sanear e eliminar as especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia.

O PP considera a Ponte Vella e as murallas que circundan o conxunto monumental do monte de San Vicente, separadamente dos resto da muralla primitiva, monumentos emblemáticos da cidade. Son, sen dúbida, segundo explica a portavoz do PP, "dous elementos dignos de preservar e manter en óptimas condicións para goce dos monfortinos e tamén dos foráneos que acoden á cidade, polo que deben ser postos en valor co propósito de enxalzar os activos turísticos da cidade".

A popular indica que a Muralla se atopa nun estado lamentable, cos alicerces parcialmente tapizados de silveiras e outras plantas que florecen entre as súas ranuras, ata o extremo de que ata aniñan paxaros, co prexuízo estético que representa a falta de limpeza e mantemento, pero tamén co dano que a maleza produce nos sillares contribuíndo á súa degradación.

Julia Rodríguez sinala que ambos os monumentos necesitan unha limpeza urxente, polo que esixe ao Goberno municipal que requira á empresa concesionaria do servizo de recolleita de lixo, FCC, a acometer este traballo por atoparse entre as súas obrigacións "a prestación do labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia do Concello".

Incumprimento do acordo do Pleno

A portavoz do PP recorda ademais, que no pleno do mes de setembro aprobouse unha moción, presentada polo PP, na que se acordou proceder á limpeza da Ponte Vella eliminado a maleza que crece entre as súas sillares, un acordo que o Goberno local non cumpriu pese ao tempo transcorrido.

Novas

Redes Sociais