Novas

Sábado, 29 de marzo de 2014

O Goberno local asumiu a infraestrutura o 28 de febreiro e antes de que se cumprise un mes volveu poñer en funcionamento a anterior

O PP denuncia que o alcalde desconecte a nova potabilizadora e esíxelle explicacións urxentes

Julia Rodríguez critica a deficiente xestión dos nacionalistas e acúsaos de non negociar antes con Aqualia os custos de explotación

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o alcalde desconecte a nova potabilizadora antes incluso de que se cumprise un mes desde que asinou a acta de inicio de explotación, o 28 de febreiro, e esíxelle explicacións urxentes sobre o sucedido. Tras ser coñecedores deste feito, os populares preguntan ao rexedor si finalmente Aqualia non se fixo cargo do mantemento e acusa ao Goberno local de falta de previsión, "o que lles levou a volver á vella infraestrutura".

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, mostra a súa total desconformidade porque o Goberno local non negociara antes con Aqualia para chegar a un acordo cando sabe que en 2014 ten que facer un pago de 521.518 euros, supoñendo que non consiga rebaixar ese importe. Esta cantidade correspóndese coa porcentaxe do custo total que ten que asumir o Concello polo custo global da infraestrutura, á que hai que sumar o incremento do custo de explotación, os 150.000 euros que o alcalde lle ofrece á empresa.

Os populares rexeitan de novo que o alcalde non esixa durante anos o cumprimento do contrato, nin os investimentos, nin as melloras na rede. "Deixou que a potabilizadora vella funcionase ao límite durante anos como consecuencia das fugas que a obrigaban a potabilizar o dobre do que se consumía cando todo isto se podería evitar de cumprir co contrato no que se refire á localización e reparación de fugas", explica a popular.

Ademais de non esixirlle que cumprise as súas obrigacións, o Grupo Municipal do PP recorda que os nacionalistas tampouco aplicaron o IPC nin fixeron nada fronte á reclamación de desequilibrio económico que a empresa presentou no ano 2005, pola que reclaman unha cantidade millonaria ao Concello.

Os populares insisten en que nos atopamos "ante un caso de deficiente xestión e repetidas neglixencias" por parte do Goberno local que logo de contar cunha nova potabilizadora para a cidade non fai previsión algunha do que ten que pagar de custo da infraestrutura nin do que representa o incremento do custo de explotación. "A el lle corresponde asumir a responsabilidade deste despropósito no que non nos terá ao seu lado", replica a popular.

Novas

Redes Sociais