Novas

Luns, 31 de marzo de 2014

O Grupo Municipal Popular demanda que, de non ser atendida a petición, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas procedentes de conformidade co establecido no contrato

O PP pide ao alcalde que requira a Aqualia para que repare a avaría da Travesía de Vilanova de inmediato

Julia Rodríguez afirma que a concesionaria fixo caso omiso ás denuncias pola existencia de perdas importantes de auga en distintos puntos da rede

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no Pleno desta tarde na que instan ao Goberno local a esixir da concesionaria da auga o cumprimento do contrato requiríndoa para que proceda de xeito inmediato a reparar a avaría que afecta á rede de abastecemento de auga na Travesía de Vilanova.

Os populares demandan que, de non ser atendido o requirimento, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas que procedan de conformidade co establecido no contrato para garantir a adecuada prestación do servizo. Entre esas medidas o PP inclúe a reparación do mal estado que presenta o firme da vía como consecuencia da erosión producida pola auga ata chegar ao río.

O PP recolle na súa moción parte das obrigacións da concesionaria, entre as que se atopa que:

"Unha das funcións fundamentais da explotación dun servizo de abastecemento de augas dun Municipio ou dun Consorcio de Municipios, estriba en ofrecer aos usuarios un SERVIZO DE REPARACIÓN DE AVARÍAS, áxil e eficiente, tanto desde o aspecto de localización da incidencia, intervención e resolución, como de permanente información aos cidadáns....co compromiso de garantir en todo momento e situación: calidade, servizo, atención personalizada, co propósito de atender de forma rápida, eficaz calquera tipo de aviso ou urxencia que puidese presentarse durante as 24 horas do día, os 365 días do ano".

A oferta da empresa sinala que "segundo as necesidades do Servizo e como mínimo dúas veces por ano realizaranse campañas de procura de fugas, co obxecto de que calquera fuga que se produza poida ser detectada e reparada de forma inmediata, xa que o aforro dun ben escaso como é a auga, constitúe un obxectivo primordial na boa xestión dun Servizo Municipal de Augas". Entre os sistemas de localización de perdas e fugas que sinala a oferta da concesionaria, atópase a "Inspección visual da Rede de Abastecemento. Este é o sistema máis rudimentario de procura de fugas, pero moi eficaz para atopar fugas importantes, en relativamente, pouco tempo; e desde logo moi recomendable cando se realiza unha campaña de fugas por primeira vez. Esta operación realizarase en horas nocturnas, preferiblemente a partir das doce da noite, ao obxecto de que os caudais de auga sexan mínimos. Seguirase a rede de abastecemento dirección augas arriba destapando cada unha das arquetas e observando o seu interior cunha lanterna".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que a concesionaria non só non realizou as campañas de localización e eliminación de fugas e perdas ás que está obrigada anualmente, senón que fixo caso omiso das denuncias interpostas en reiteradas ocasións pola existencia de perdas importantes de auga en distintos puntos da rede.

Un dos exemplos está sucedendo na avaría da Travesía de Vilanova, que provoca unha perda constante de auga. Os populares sosteñen que os veciños afectados denunciaron esta situación en varias ocasións ante a concesionaria e o Concello "sen que se fixera nada". "Estamos ante un grave incumprimento da concesionaria", expón a portavoz do PP, quen engade que non só non se abordaron as operacións de localización e reparación de fugas, senón que ata estando as perdas e avaría en superficie deixouse transcorrer o tempo sen darlle solución.

Novas

Redes Sociais