Novas

Venres, 4 de abril de 2014

O Grupo Municipal do PP demanda información tras coñecer por boca do rexedor que o prazo dado á concesionaria finaliza mañá sábado

O PP pide unha xunta de portavoces urxente para que o alcalde dea conta das novidades nas negociacións con Aqualia

Julia Rodríguez considera "imprescindible" que o equipo de Goberno aclare por qué non se lle comunicou á Corporación a desconexión da nova potabilizadora cando se propuxo pagarlle máis á empresa

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao alcalde que convoque unha xunta urxente de portavoces na que lles explique se existen novidades en relación coas negociacións con Aqualia despois de que o rexedor anunciase no Pleno que o Concello lle enviou un requirimento cuxo vencemento se producirá este sábado, 5 de abril.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera "imprescindible" que o equipo de Goberno aclare por qué non lle comunicou á Corporación a desconexión da nova potabilizadora na mesma reunión na que se propuxo pagarlle 150.000 euros á empresa. Os populares queren saber ademais cando se vai conectar de novo, así como as medidas que o Concello pensa adoptar se a concesionaria se nega a asumir a infraestrutura.

"Parécenos inaudito que o Estado e a Xunta invistan case sete millóns de euros na potabilizadora nova e que os nacionalistas consintan sen máis que a empresa adxudicataria rexeite o servizo", replica a popular. Julia Rodríguez critica que os cidadáns de Monforte teñan que soportar a xestión dun alcalde "que leva de brazos cruzados desde que asumiu o posto, sen esixir á empresa que cumpra con ningún dos seus compromisos".

Os populares creen que os monfortinos merecen saber por qué o alcalde asumiu este comportamento baseado na desidia, polo que esixen explicacións en relación coa perda do contrato, sobre por que non se atenderon os requirimentos do perito xudicial que informou no procedemento por desequilibrio económico, as multas que houbo que abonar e o investimento que tiña que facer e tampouco se lle obrigou a acometer.

"Temos ante nós a un alcalde que leva semanas tratando de dar leccións fóra da cidade para facer puntos co seu partido e que, con todo, desatende cada unha das súas obrigacións cos monfortinos". "Que lles explique a todos os monfortinos por qué foi e é tan permisivo con esta empresa", conclúe.

Novas

Redes Sociais