Novas

Xoves, 10 de abril de 2014

O Grupo Municipal Popular lamenta que o Goberno local pretenda actuar poñendo un parche ao problema cando a concesionaria leva incumprindo o contrato desde que os nacionalistas están no poder

O PP acusa ao alcalde de ocultar de xeito reiterado "importante información" en relación ao conflito con Aqualia

Julia Rodríguez solicitará información ao Concello para coñecer as sancións soportadas desde o ano 2001 por vertidos procedentes da rede ou instalacións municipais de saneamento, así como das cantidades asumidas polo Goberno local en concepto de canon de vertidos

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao alcalde de ocultar de xeito reiterado "importante información" relacionada co conflito que o Goberno local mantén coa empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga, Aqualia. Os populares fan referencia, por exemplo, á reunión convocada polo alcalde para abordar a cesión á empresa de 150.000 euros na que o mandatario local non facilitou información sobre a desconexión da nova potabilizadora.

Tampouco o Grupo Municipal do PP tivo constancia de que a empresa non se presentou, tal e como foi requirida o pasado cinco de abril, salvo polos medios de comunicación. "Non só nos decatamos polos medios de que a empresa non acudiu á cita, senón que a portavoz do BNG conta tamén que o alcalde non estará en toda a semana, polo que deciden non convocar a xunta de portavoces urxente que pedimos", replica Julia Rodríguez.

"O mesmo ocorreu co extravío da oferta de Aqualia, cos incumprimentos que calaron ou coa demanda por desequilibrio económico da que nada contaron aos monfortinos", engade a popular.

A portavoz do PP lamenta que o Goberno local pretenda actuar poñendo un parche ao problema cando a concesionaria leva incumprindo o contrato desde que os nacionalistas chegaron ao poder, no ano 2003. Julia Rodríguez rexeita que Vega Buján diga que a responsabilidade das demandas que poidan chegar da empresa vaia a ser da oposición cando o único procedemento xudicial que existe por agora é do ano 2005 e foron os nacionalistas os que decidiron non colaborar co perito xudicial, tal e como asegura no seu informe.

Julia Rodríguez recorda que os nacionalistas negáronse a votar a favor das propostas que o PP levou ao Pleno en cuxa emenda pedían que a concesionaria recibise as instalacións, que se determinasen os custos con arranxo a datos reais do funcionamento da ETAP e non se fixese por aproximación e que se precisasen as cantidades que Aqualia debe ao Concello como consecuencia dos seus incumprimentos.

"O alcalde non só non aceptou esta proposta, senón que agora dedícase a crear confusión e ocultar información, polo que non podemos máis que definir a súa xestión como lamentable. Acabará levando aos monfortinos ao desastre", denuncia a portavoz.

Petición de información

Os populares van solicitar información ao Concello sobre as sancións soportadas polo Goberno local desde que Aqualia ten a concesión por vertidos procedentes da rede, instalacións municipais de saneamento, así como das cantidades asumidas polo Goberno local en concepto de canon de vertidos e en que medida esas cantidades lle foron reclamadas á empresa e se esta as abonou.

Novas

Redes Sociais