Novas

Xoves, 24 de abril de 2014

A portavoz do PP en Monforte preguntou onte o en Parlamento polas medidas necesarias para a mellora do sistema de saneamento e depuración de augas residuais do Concello

Julia Rodríguez acusa ao alcalde de poñer en risco importantes investimentos para Monforte trala súa nefasta xestión con Aqualia

Os populares agradecen a boa disposición da Xunta para colaborar na solución da situación do saneamento da cidade

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, acusa ao alcalde nacionalista de poñer en risco importantes investimentos para Monforte trala súa nefasta xestión coa empresa concesionaria da auga, Aqualia. Así llo recrimina Rodríguez ao rexedor despois de que o conselleiro Agustín Hernández advertise onte no Parlamento da necesidade de que o Goberno local dispoña das ferramentas necesarias para solucionar a situación creada co saneamento do municipio.

A portavoz afirma que "non só resulta grave que haxa problemas coa nova potabilizadora -que segue desconectada- senón as consecuencias que a xestión do alcalde poidan traer consigo para a mellora da depuración da cidade e para conseguir o financiamento necesario para levala a cabo".

Julia Rodríguez presentou unha pregunta, que foi respondida onte no Pleno do Parlamento polo conselleiro, na que se interesou polas medidas necesarias para a mellora do sistema de saneamento e depuración de augas residuais do Concello. A portavoz do PP agradece a boa disposición da Xunta para colaborar na solución da situación do saneamento da cidade, aínda que advirte da obrigatoriedade de que o Concello "faga os seus deberes" para conseguir a implicación das administracións.

O conselleiro referiuse ademais ao informe elaborado por Augas de Galicia no que se detallan as carencias e dificultades que presenta o saneamento de Monforte, moitos dos cales poderían ser resoltos se o Concello obrigase á concesionaria a acometer os compromisos fixados no contrato. "Os monfortinos coñecen a existencia de avarías reiteradas, infiltracións e vertidos aos que non se lles puxo fin en todos estes anos", resume a popular.

Este deixamento por parte do Goberno local implica que a actuación que habería que acometer supoña entre 10 e 12 millóns de euros, unha intervención na que o Goberno galego está disposto a colaborar, xunto con outras administracións, a condición de que se corrixa a xestión por parte dos nacionalistas.

Novo despropósito

A portavoz do PP considera "un novo despropósito" que o alcalde diga que a potabilizadora non pode poñerse en marcha por non estar contratado o subministro eléctrico. "É coma se poñemos un bar e o día da inauguración nos decatamos de que non hai luz cando lle damos ao interruptor", compara Rodríguez. "Seguen atrasando a solución do problema, polo que seguimos consumindo auga procedente dunha infraestrutura que fai xa dous anos que estaba nunha situación límite", conclúe.

Novas

Redes Sociais