Novas

Sábado, 26 de abril de 2014

O Grupo Municipal do PP responde así á demanda das numerosas familias con nenos que viven na zona

O PP pide ao Goberno local a creación dun parque infantil e unha área biosaudable no barrio que circunda o Hospital

Os populares piden que se acometa a actuación con independencia de que o Concello reciba a subvención do FEDER

O Grupo Municipal do PP de Monforte pide que o Goberno local realice as xestións e dotacións orzamentarias necesarias para a creación na contorna do barrio do Hospital Comarcal dun parque infantil complementado cunha área biosaudable. O PP responde así ás reivindicacións dos veciños da zona respecto ao acondicionamento dun espazo de lecer para as familias con nenos.

Para levar a cabo esta actuación os populares aconsellan ao equipo de Goberno que soliciten as subvencións para a execución de infraestruturas de uso público cofinanciadas polo FEDER, publicadas no DOG o un de abril de 2014. Entre as actuacións que poden ser obxecto de financiamento atópase a creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, como prazas, rúas, paseos municipais e parques destinados á infancia.

Os populares explican que, se o Concello non dispón de terreo para a construción do área infantil, sendo este un dos requisitos da axuda pública, se solicite de igual xeito co fin de adecuar ou rehabilitar outros espazos públicos, como prazas, rúas ou paseos municipais. Tamén esixen que, de non obter a subvención para o parque, se realicen as xestións orzamentarias necesarias para poder levar a cabo a actuación.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sinala que o barrio é un dos que máis desenvolvemento poboacional está a ter nos últimos anos no que se instalaron gran cantidade de familias novas que demandan este tipo de instalacións de entretemento infantil. "Non se pode dicir que na nosa cidade abunden as zonas de recreo infantil, pero no que corresponde ao barrio do hospital está carencia é aínda máis evidente", conclúe.

Novas

Redes Sociais