Novas

Mércores, 30 de abril de 2014

Os populares toman esta medida despois de que o alcalde "tire a pedra e esconda a man" en relación coas súas intencións reais de que non se debatese a proposta de comisión de investigación sobre Aqualia

O PP vese obrigado a articular fórmulas que permitan acreditar o contido das reunións co alcalde

A portavoz do PP afirma que o nacionalista pediulles ata en dúas ocasións que non se debatese a solicitude, unha proposta que tamén comunicou ao voceiro do PSOE

O Grupo Municipal do PP de Monforte vese obrigado a articular fórmulas que permitan acreditar o contido das reunións co alcalde, despois de que este minta a todos os cidadáns nas súas intencións sobre Aqualia. Os populares toman esta decisión logo de saber que o rexedor nega que lles propuxese que non se debatese a comisión de investigación sobre Aqualia, unha petición que realizou o pasado luns ata en dúas ocasións. A primeira delas foi despois do pleno extraordinario, momento no que o alcalde reuniuse coa portavoz do PP, Julia Rodríguez, e co concelleiro José Manuel Puga para invitalos a abortar a súa intención de iniciar un proceso de investigación polos prexuízos que este puidese ocasionar.

A segunda das peticións realizouse a través dunha chamada telefónica á portavoz popular na que o alcalde insistiu no seu obxectivo. De feito, tamén na nota de prensa que o Concello facilitou aos medios o pasado fin de semana inclúen a coletilla "de seguir adiante coa súa proposta" en relación co PP, de maneira que xa desvelaba as intencións do alcalde de intentar frear a comisión.

Ademais, os populares precisan que tamén o portavoz do PSOE é coñecedor desta intención por parte dos nacionalistas, como así recoñeceu Tomé Roca nunha chamada a Julia Rodríguez antes da celebración do Pleno.

O alcalde advertiu aos populares de que a comisión podería carrexar "graves consecuencias", ao que o PP respondeu asegurando que os monfortinos teñen dereito a coñecer a verdade sobre o contrato con Aqualia e os incumprimentos do contrato que se viñeron denunciado de xeito reiterado.

"Unha vez máis o alcalde tira a pedra e esconde a man, pero se non quere que se saiban as cousas, terá que empezar por non facelas", resume a portavoz. Os populares buscarán aquelas fórmulas que imposibiliten que volva ocorrer algo así, que o alcalde negue as súas propostas, como xa fixo en ocasións anteriores, e que non quede espazo para a dúbida.

"Habería que preguntarse se o propio Alcalde pretende que as decisións que se adopten sobre temas de interese para Monforte, como é a creación dunha comisión de investigación para clarificar o por que dos incumprimentos da concesionaria da auga, se tomen sempre de costas aos cidadáns de Monforte e con descoñecemento por parte dos mesmos das razóns nas que se fundamentan tales decisións. O Grupo Municipal do PP pensa que non e, desde, logo non está disposto a que temas de tal transcendencia se decidan dese xeito", incide.

Xunta de portavoces

A portavoz do PP participou esta mañá na xunta de portavoces que solicitaran os populares para coñecer os pasos que o Concello está dando en relación coa concesionaria do auga. Trala reunión Julia Rodríguez denuncia a "falta de vontade" do alcalde coa solución do problema posto que, logo de parar o expediente xudicial durante dous anos por supostas negociacións con Aqualia, o Goberno local recoñece que non están cuantificadas as cantidades que a empresa debe ao Concello polo incumprimento reiterado do contrato.

A portavoz lamenta ademais que na reunión coa empresa o alcalde non reclamase nada, baixo o argumento de que o motivo do encontro era só a potabilizadora. "Non pode quedarse de brazos cruzados esperando a que a empresa aporte información sobre as súas incumprimentos", replica Rodríguez. Desde o PP recordan que existen numerosos prexuízos para o Concello derivados de fugas, sancións por verter ou o canon de explotación cuxos datos debe coñecer o Goberno local.

Novas

Redes Sociais