Novas

Sábado, 3 de maio de 2014

Os populares consideran "impresentable" a decisión política do alcalde nacionalista, quen renunciou á actuación a cambio dunhas melloras na rede que nunca se produciron

O PP cifra en polo menos seis millóns de euros os ingresos que Monforte perdeu por non construír o parque acuático incluído na oferta de Aqualia

As instalacións suporían un investimento de 1,6 millóns de euros e 30.000 metros cadrados para uso e goce dos cidadáns

O Grupo Municipal do PP de Monforte cifra en polo menos seis millóns de euros os ingresos que Monforte perdeu por non construír o parque acuático incluído na oferta de Aqualia. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera "impresentable" esta decisión política tomada polo equipo de Goberno do BNG, quen renunciou á actuación por unhas melloras na rede que nunca se produciron.

O parque acuático de Monforte tería unha superficie de 30.000 metros cadrados na contorna do Río Cabe e suporía un investimento inicial superior a 1,6 millóns de euros. Segundo as cifras aportadas polo Concello de Cerceda, o único de Galicia que conta cunhas instalacións deste tipo, en dez anos o parque recibiu máis de 1,5 millóns de visitas, o que supón uns ingresos de máis de 6 millóns de euros.

Os beneficios obtidos polo Concello coruñés non só cobren os gastos das instalacións acuáticas, ao que destina a metade do ingresado, senón que o resto destínase a financiar obras e servizos no municipio. Cada ano visitan o parque unha media de 150.000 persoas ao longo dos catro meses que permanecen abertas as instalacións. Hai xornadas que se bateu o récord de visitas con 4.400 entradas vendidas.

Ademais, a súa apertura implica a creación de máis de medio centenar de novos postos de traballo durante os meses estivais, o que representa un desafogo para moitas familias. A este impacto hai que sumar tamén a repercusión para hostaleiros e comerciantes da zona que ven multiplicada a súa clientela, así como para os donos de quioscos, estacións de servizo, etc.

O parque de Cerceda atópase a uns 50 quilómetros de Santiago, a mesma distancia que separa a Monforte de Lugo e superior se a comparativa establécese con Ourense.

Numerosos prexuízos para Monforte

Julia Rodríguez precisa que estas cifras acreditan os prexuízos derivados da decisión política de non construír o parque en Monforte. Os populares rexeitan ademais os argumentos en relación co clima esgrimidos polo Goberno local nos medios de comunicación, posto que a temperatura media das máximas alcanzadas nos meses de veráns de 2013 (segundo datos de MeteoGalicia) supera en 4º a de Cerceda e 2º no caso das mínimas. "Nos 4 meses de verán tivemos 109 horas máis de sol en Monforte que en Cerceda e 21 días menos de choiva", engade.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal Popular considera que o alcalde debe dar explicacións aos cidadáns sobre os beneficios que Monforte no seu conxunto deixou de recibir e o reclamo que esta actuación representaría para a comarca de Lemos e a Ribeira Sacra. "Non teriamos que esperar a que tocase a Lotería, tan só habería que ter buscado unha oferta de 2.000 folios da que nada se soubo en dez anos e esixir o cumprimento do contrato", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais