Novas

Sábado, 29 de xuño de 2013

Os populares denunciaran en numerosas ocasións o custo do servizo que estaba prestando un ente de Chantada

O Grupo Municipal do PP mostra a súa satisfacción porque o Goberno local atendese as súas queixas e sexa unha asociación local a encargada da xestión das barcas do Cabe

Julia Rodríguez invita ao Goberno local a continuar "reducindo o prezo que se paga por determinados servizos que se prestan desde o Concello"

O Grupo Municipal do PP de Monforte mostra a súa satisfacción porque o Goberno local atenda as queixas dos populares e este verán a xestión das barcas do Río Cabe vaia recaer no Club Monfortino de Piragüismo Quixós, unha asociación local cualificada para prestar este tipo de servizo.

Os populares denunciaron en numerosas ocasións o elevado custo que este servizo carrexaba para as arcas municipais e que recaía ademais nun ente de Chantada e non en firmas ou asociacións de Monforte. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, invita ao Goberno local a continuar reducindo o prezo que se paga por determinados servizos que se prestan desde o Concello e por axustar a contratación e pagos que se realizan a empresas externas que, maioritariamente, son foráneas, así como por seguir traballando, na medida do posible, na contratación de empresas locais.

No caso concreto das barcas do río Cabe, as críticas dos populares motivaron que no seu día o servizo vise reducido o seu custo dos 6.100 euros aos 3.000 euros. "Seguen existindo casos deste tipo nos que o Goberno local debería actuar para tratar de corrixir os excesos", precisa a popular. Entre os exemplos, o pago de 4.130 euros a unha empresa de Ourense pola páxina Web do Concello ou os 1.180 que se abonan mensualmente polos contidos do mesmo site a unha firma da Coruña.

"Reiteramos que hai empresas da cidade que poden facerse cargo destes servizos e por un custo menor", conclúe.

Novas

Redes Sociais