Novas

Luns, 5 de maio de 2014

Os populares consideran que son os residentes da zona os que deben pronunciarse sobre o uso que pode dárselle ás instalacións unha vez que asuma a súa xestión o Concello

O PP esíxelle ao Goberno local que teña en conta aos veciños antes de abrir un bar no refuxio de Ribasaltas

Julia Rodríguez pedirá información ao Goberno local sobre a calidade da auga como paso previo para que se retomen os trámites que permitan a construción dunha praia fluvial

O Grupo Municipal do PP de Monforte esixe ao Goberno local que teña en conta aos veciños antes de tramitar a apertura dun bar ou local de hostalería no refuxio turístico de Ribasaltas. Os populares coñecen esta intención do alcalde, á que se opoñen ata que os residentes na zona lle expoñan o uso que queren facer do refuxio, como xa viñeron facendo a modo de local social.

Os populares pedirán ademais información ao Concello sobre a autorización pertinente para que a zona poida albergar unha praia fluvial, polo que solicitarán que se retomen as xestións necesarias para cumprir coa vontade dos veciños. O PP demandará ademais que se comprobe a calidade da auga, así como o estado da fosa séptica próxima para saber se a zona reúne as condicións óptimas para o baño.

"Non podemos quitarlle ese espazo aos veciños sen consultarlles para montar un bar cando está utilizándoo con fins de lecer e culturais", expón a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

Os populares invitan ao alcalde a interesarse polas accións que os residentes na zona levan a cabo no refuxio e pídenlle que non tome a decisión de converter as instalacións nun bar ata saber a opinión da maioría dos veciños.

O Grupo Municipal do PP recorda que o espazo debería servir para a posta en funcionamento do Área Recreativa de Ribasaltas como zona de baño pública e gratuíta dotada cunha praia fluvial, unha importante actuación para a cidade pola que o alcalde "fixo o que sempre fai: encargar un proxecto moi ambicioso que logo gardou nun caixón. Anuncia o máximo e non fai nin o mínimo", explica.

O PP defende que a zona, a pesar do descoido que presenta, conta cunha ampla zona verde de merendeiro, aparcamento, así como a súa ubicación, próxima ao centro urbano, e á súa fácil accesibilidade, características que a converten nun lugar perfecto para albergar unha praia fluvial. Os populares explican ademais que reciben queixas dos veciños de forma reiterada nas que lamentan que non se dispoña dunha zona fluvial pública e gratuíta en Monforte.

Novas

Redes Sociais