Novas

Xoves, 8 de maio de 2014

O Grupo Municipal do PP considera que a Corporación ten dereito a estar presente naqueles lugares nos que se tomen decisións para captar investimentos para a cidade

O PP pídelle ao alcalde que a oposición participe nas reunións coas administracións para a mellora do sistema de saneamento

Julia Rodríguez sostén que a Xunta veu mostrando a súa boa disposición a colaborar coa solución da situación de saneamento e depuración de augas de Monforte

O Grupo Municipal do PP de Monforte demanda ao alcalde que teña en conta aos grupos da oposición nas reunións que manteña coas diferentes administracións para a mellora do sistema de saneamento e depuración de augas de Monforte. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que os tres grupos da Corporación deben estar presentes naquelas reunións que se leven a cabo para captar investimentos que permitan renovar e mellorar a rede.

Os populares queren coñecer de primeira man as propostas que deriven do Goberno local, así como a disposición das administracións a colaborar. Neste sentido, o Grupo Municipal do PP de Monforte sostén que a Xunta veu mostrando a súa boa disposición a colaborar coa solución da situación de saneamento e depuración de augas, tal e como expuxo recentemente o conselleiro Hernández no Parlamento de Galicia.

Julia Rodríguez sostén ademais que a información que poidan obter nos encontros entre os representantes locais e as diferentes administracións públicas será "sumamente útil" para poder incorporar, se así procede, á comisión de investigación sobre a concesionaria que a Corporación aprobou iniciar no pasado pleno.

"Nós non imos sumarnos aos temores de ninguén. Queremos que todos os cidadáns saiban por que non se realizaron os investimentos comprometidos, que se corrixa este despropósito, así como participar naqueles foros nos que se tomen decisións de futuro sobre a mellora do saneamento da cidade", explica a popular.

Novas

Redes Sociais