Novas

Sábado, 10 de maio de 2014

O Grupo Municipal do PP explica que hai avarías que dan lugar a gabias en beirarrúas e vías que permanecen durante meses sen que se vexa a operarios traballando na súa reparación

O PP esíxelle ao Goberno local que requira a Aqualia para que minimice o tempo de reparación de avarías na rede e as asegure e sinalice adecuadamente

Julia Rodríguez sostén que a permanencia de gabias abertas ten provocado caídas, danos e accidentes

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que esixen ao equipo de Goberno que requira á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, Aqualia, para que en relación coas avarías que está obrigada a reparar ou aquelas actuacións que efectúe na vía pública proceda á súa reparación, execución e á reposición da súa contorna coa maior premura. Con este compromiso, sostén o PP, evitaranse os riscos e molestias que sofren os veciños pola permanencia durante longo tempo de gabias abertas en rúas e beirarrúas sen que se aprecie traballo efectivo que xustifique tal situación.

O PP demanda ademais que durante o tempo que as gabias permanezan abertas para efectuar a reparación da avaría, e mentres non se produza a reposición da súa contorna, se empreguen as necesarias e adecuadas medidas de sinalización, aseguramento e protección da zona afectada para evitar molestias e riscos innecesarios aos usuarios.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que, ademais da demora na reparación da contorna, con demasiada frecuencia as gabias carecen do adecuado aseguramento, sinalización e protección ata o punto de que son varios os sinistros e danos de todo tipo que se teñen producido a condutores e peóns. Tamén sinala que existen avarías que dan lugar a gabias en beirarrúas e vías que permanecen semanas, e ata meses, sen que se vexa a operarios facendo traballos de ningún tipo. Exemplos desta práctica sucédense na Rúa Corredoira, Escultor Francisco Moure, Eduardo Pondal, Calvo Sotelo, Morín, etc. "Supón molestias e riscos para os veciños e nalgún caso ata teñen provocado caídas, danos e accidentes", engade.

Os populares recollen na súa iniciativa varios dos requisitos que recolle o contrato de Aqualia, entre eles:

-"En todo momento procurarase interferir minimamente na normal vida cidadá, reparando as avarías coa maior celeridade posible e, así mesmo, respectando sempre o descanso dos cidadáns, coa salvedade das situacións que, pola súa gravidade, obriguen a unha actuación inmediata do concesionario. Unha vez efectuado o corte de subministro á zona afectada, procederase á súa acotamento e sinalización e comezaranse as tarefas de reparación con moita brevidade".

Tamén inclúe compromisos con respecto ás avarías, segundo o tipo.

O Grupo Municipal do PP reclámalle ao Goberno que faga cumprir á concesionaria coas obrigacións que lle son propias para evitar as situacións descritas.

Novas

Redes Sociais