Novas

Mércores, 14 de maio de 2014

Os populares aseguran que participarán nas reunións sobre o saneamento para evitar que o rexedor mal interprete o resultado que delas se derive

O GMPP invita ao alcalde a reflexionar sobre a súa capacidade para xestionar a cidade de Monforte

Julia Rodríguez sostén que "no tema da auga non imos permitir que volva pasar o mesmo que pasou coa desaparición do contrato ou coa desconexión da potabilizadora"

O Grupo Municipal do PP de Monforte invita ao alcalde a que reflexione sobre a súa capacidade para xestionar a cidade do Cabe. "Se quere un goberno de concentración porque el non é capaz de asumir as súas competencias que o diga, que recoñeza que non sabe xestionar o Goberno municipal", incide a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

Os populares insisten na súa intención de participar en todas aquelas reunións nas que o tema a tratar sexa a mellora do saneamento de auga de Monforte, tras presenciar varios capítulos nos que o rexedor "fixo un uso torticeiro da información que trasladou aos cidadáns". Os populares rexeitan que volva pasar o mesmo que pasou coa desaparición do contrato con Aqualia ou coa desconexión da potabilizadora.

Julia Rodríguez explica que os populares queren estar presentes nos encontros con outras administracións en relación coa rede de abastecemento e saneamento para evitar que se fagan interpretacións erróneas e coñecer as xestións que se vaian levando a cabo para que poidan ser trasladadas a todos os cidadáns de Monforte.

"O tema da auga é un asunto diferenciado porque o rexedor nacionalista cometeu numerosos erros de vulto e o que non pode pretender é que a oposición resolva ou xestione as competencias que lle son propias. Nese caso, xa sabe o que ten que facer", resume a portavoz do PP.

Os populares lamentan o recurso do alcalde de culpar sempre aos demais dos seus despropósitos como fixo esta mesma semana en relación coa sentenza de Escor. "Aproveitou para cargar contra os funcionarios municipais cando el é o único que ten que soportar a responsabilidade das súas decisións equivocadas".

"Non nos ofrecemos a ir co alcalde ás administracións implicadas en resolver o problema de saneamento de Monforte, senón que pedimos controlar o que está facendo porque ata o momento a súa xestión foi lamentable", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais