Novas

Xoves, 29 de maio de 2014

O Grupo Municipal do PP non entende a demora na contratación do subministro eléctrico cando a ETAP funcionou tres meses en probas e sen presentar incidencias

O PP de Monforte esixe a inmediata posta en funcionamento da nova potabilizadora

Julia Rodríguez demanda que Aqualia asuma as consecuencias do último vertido ao Cabe, sempre e cando se demostre que a súa orixe está na estación potabilizadora

O Grupo Municipal do PP de Monforte instará ao Goberno local no próximo Pleno a que esixa a Aqualia o cumprimento do contrato e a requira para que proceda á inmediata posta en funcionamento da nova ETAP, tendo en conta de que xa transcorreu o prazo establecido polo alcalde para tal fin.

Os populares precisan que, de non ser atendido este requirimento por parte da concesionaria da auga, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas que sexan procedentes de conformidade co establecido no contrato para garantir unha adecuada prestación do servizo a todos os usuarios.

En terceiro lugar, o Grupo Municipal do PP pide que se requira a Aqualia para que asuma todas as consecuencias que poderían derivarse para o Goberno local do vertido producido no Cabe o pasado día 22 de maio, a condición de que se acredite que a súa orixe está na estación potabilizadora.

O PP explica no seu moción que a potabilizadora contou cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, financiada pola Xunta de Galicia, a sociedade estatal ACUAES, con fondos FEDER e o Concello de Monforte. O 28 de febreiro de 2014 asinouse a acta de inicio da explotación da nova ETAP e funcionou a proba durante tres meses, á perfección.

Pouco tempo despois o PP denunciou que a potabilizadora foi desconectada pola negativa de Aqualia de facerse cargo da explotación mentres non se lle incrementasen as cantidades que lle corresponde recibir polo servizo. O 22 de abril o alcalde comprometíase, tal e como recolleron os medios de comunicación, a que a empresa asumiría a ETAP en quince días, unha vez resoltos os trámites de contratación do subministro eléctrico. Esta mesma semana a prensa sinala que a alta do subministro de enerxía non está resolto e que é posible que sexa necesario un novo tendido con maior potencia. Pasado máis dun mes, a nova potabilizadora segue desconectada.

Unha situación de extrema gravidade

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que o que está pasando con esta infraestrutura é de "extrema gravidade", posto que os monfortinos non poden beneficiarse da calidade da auga da nova ETAP, despois do esforzo inversor realizado. "É grave tamén que non se teñan realizado as xestións necesarias coa concesionaria considerando que a súa construción empezou no ano 2010, como grave é ademais que teñamos que seguir utilizando unha infraestrutura obsoleta que fai xa dous anos mostrábase insuficiente e deficiente para potabilizar a auga en condicións óptimas", critica.

Neste contexto, os populares consideran "inaceptable" o ocorrido o día 22 de maio cando se produciu o vertido ao Cabe, con graves consecuencias medio ambientais. A portavoz do PP indica que "todos os indicios levan a pensar que este grave vertido ten a súa orixe na vella potabilizadora, que está en funcionamento e que, como é sabido, potabiliza con cloro".

Julia Rodríguez sostén que se a potabilizadora vella non estaba en condicións fai dous anos, é lóxico que ocasione este tipo de incidencias. Considera inentendible, por outra banda, a demora na posta en funcionamento da nova ETAP, logo de estar operando tres meses a proba e sen presentar ningunha incidencia. "Estamos ante un novo incumprimento da concesionaria pero tamén ante unha nova falta de xestión por parte do Goberno local con graves repercusións para os veciños", conclúe.

Novas

Redes Sociais