Novas

Martes, 3 de xuño de 2014

O Grupo Municipal do PP propuxo que sexan os departamentos municipais os que informen en relación cos incumprimentos do contrato e a oferta por parte da concesionaria

O PP consegue que sexan os servizos técnicos do Concello os que colaboren coa investigación sobre os incumprimentos de Aqualia

Os populares abstivéronse en relación coa comparecencia dun avogado da Coruña proposta polo BNG

Os tres representantes do PP que participan na comisión informativa especial de investigación sobre Aqualia, Julia Rodríguez, José Manuel Puga e Purificación Argiz, propuxeron na reunión celebrada na tarde de onte que sexan os servizos técnicos e departamentos municipais os que informen sobre os incumprimentos que se poidan detectar no contrato e na oferta que rexen a concesión.

A proposta foi aceptada e contou co respaldo do BNG e o PSOE, de maneira que o servizo de secretaría será o que estime que informes debe elaborar cada departamento tras presentar un primeiro documento no que figuran as obrigacións contraídas por Aqualia no contrato e na oferta que administra o servizo.

Os populares mostraron a súa desconformidade con que fose un avogado da Coruña o que informase sobre a situación, tal e como propuxo o BNG, e abstívose na proposta dos nacionalistas para que sexa este mesmo letrado o que compareza a semana próxima en calidade de experto.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considerou que esta presenza podería carrexar un gasto innecesario para o Concello, e en todo caso, ese traballo pode e debe ser asumido polos servizos municipais aos que ademais se lles presupón "toda a obxectividade". Sobre a súa comparecencia, o PP precisa ademais que xa existe un informe do mesmo avogado do ano 2004 no que figuran os incumprimentos que nese momento detectou en relación coas obrigacións de Aqualia. Para rematar, a portavoz do PP afirma que a información da que pode dispoñer é limitada, posto que no momento no que realizou o informe e nos seus traballos posteriores, este letrado non dispuña da oferta da empresa, ao atoparse extraviada, e non foi tida en conta no seu traballo.

Novas

Redes Sociais