Novas

Sábado, 7 de xuño de 2014

O Grupo Municipal do PP demándalle ao Goberno local que garanta que este feito non volverá producirse

O PP descobre pagos de 1.600 euros máis dietas ao avogado Carlos Hernández por desprazarse unhas horas a Monforte

Julia Rodríguez considera que o Concello lle abonou cantidades indecentes ao letrado por un asesoramento que podían prestar avogados monfortinos e do que ata se podía dispoñer de xeito gratuíto

O Grupo Municipal do PP de Monforte descobre a existencia de varias facturas abonadas ao avogado Carlos Hernández (do despacho Antas-Hernández da Coruña) por importes que oscilan entre os 800 e os 1.600 euros en concepto de asistencia xurídica, nas que só se detallan os desprazamentos a Monforte máis as correspondentes dietas. Logo de haber tido acceso a esta documentación municipal o PP demanda ao Goberno local que garanta que esta situación non volverá repetirse.

Estes importes correspóndense unicamente con desprazamentos a Monforte, posto que existen ademais outras facturas de maior importe relacionadas coa elaboración de informes, intervención en procedementos xudiciais e pagos de 640 euros mensuais por un contrato de asistencia xurídica.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que os populares teñen motivos para preocuparse polo que o desprazamento deste letrado puidese custarlle ao Concello para asistir á comisión informativa sobre Aqualia, á vista das facturas que se lle levan abonado polos seus desprazamentos desde 2004 e ata 2013.

Cantidades indecentes

O letrado acordou co Goberno local un contrato que lle garantía un pago mensual de 640 euros por consultoría e asistencia xurídica, pero a maiores, existen numerosas facturas, como unha do 14 de outubro de 2008 na que se lle abonan 1.700 euros, 1.600 por permanecer oito horas no Concello e 100 euros por dietas. "Como non imos preocuparnos se cobrou 1.600 euros por vir a Monforte unha tarde, o mesmo que vai facer o luns", resume a popular.

O Grupo Municipal do PP considera que estes datos son motivo "máis que suficiente" para interesarse polo que se lle ía a abonar a este letrado por intervir na comisión de Aqualia, "de tal xeito que cando o alcalde di que non se lle pagará nada, non veña despois a dicir que cobra polo desprazamento", esgrime a portavoz.

Julia Rodríguez lamenta que se lle abonaron estas cantidades indecentes a un avogado coruñés por desprazarse a Monforte durante unhas horas para asesorar ao Concello, "cando existen na nosa cidade máis de 40 avogados perfectamente cualificados para prestar o mesmo asesoramento e do que ata se podería dispoñer de xeito gratuíto".

Novas

Redes Sociais