Novas

Martes, 2 de xullo de 2013

O Grupo Municipal Popular destaca que se trata do único Concello da Comarca que non rubricou o acordo coa Xunta

O PP considera "unha actuación pouco responsable" a decisión do Goberno local de non asinar o convenio de extinción de incendios

Julia Rodríguez lamenta a negativa do alcalde aos traballos de limpeza e roce do municipio que financia a Xunta nun 75%

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera que a decisión do Goberno local de non asinar o convenio de extinción de incendios coa Xunta responde a "unha actuación pouco responsable". A portavoz do PP, Julia Rodríguez, destaca que Monforte é "o único Concello da a Comarca que non rubricou o acordo co Goberno galego esgrimindo razóns de tipo legal e econômico".

Julia Rodríguez afirma que nos atopamos ante un novo erro de xestión do Goberno local de Monforte que impedirá a contratación de persoal para as brigadas e privará á cidade de acometer labores de limpeza e roce. A portavoz do PP aclara que a extinción está garantida por parte da Xunta a través do PLADIGA, aínda que o labor de prevención á que estarían destinados estes efectivos "non poderá levarse a cabo".

Os populares consideran esta decisión do alcalde "unha oportunidade perdida" e rexeitan os problemas legais aos que se refire o rexedor, posto que o convenio está validado polos servizos xurídicos da Xunta, polos secretarios municipais de todos os Concellos de Lugo, excepto de catro que non se sumaron, e apoiado pola FEGAMP.

O Grupo Municipal do PP rexeita ademais o argumento monetario para poder realizar tarefas de limpeza e roce, que a Xunta financia nun 75%, á vez que asegura que nos atopamos ante un novo erro de xestión económica dos nacionalistas.

A portavoz do PP invita ao alcalde a reconsiderar a súa postura para garantir que Monforte acomete, do mesmo xeito que os demais concellos da zona, un traballo importante de prevención nos montes e camiños da zona urbana e da rural.

Novas

Redes Sociais