Novas

Martes, 10 de xuño de 2014

O Grupo Municipal do PP insiste na existencia de numerosos pagos ao despacho da Coruña con prezos "fóra de mercado"

O PP denuncia que se lle pagou ao avogado Carlos Hernández pola defensa dun asunto particular dun concelleiro

Os populares fan pública unha factura de marzo de 2011 de 2.764 euros que o Concello abona con recursos públicos pese a tratarse dun tema que afecta unicamente aos intereses particulares dun membro da Corporación

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que se lle pagou ao avogado Carlos Hernández pola defensa dun asunto particular do agora ex concelleiro José Manuel Pavón. O PP fai pública unha factura con data de 15 de marzo de 2011 por importe de 2.764 euros na que se detalla que dita asistencia legal corresponde ao estudo de dilixencias penais e asistencia á declaración do Sr Pavón González.

En concreto, o proceso refírese a unha licenza de obras realizadas na vivenda particular do concelleiro, un proceso arquivado, algo que segundo o PP "non interfire no feito de que a factura sexa abonada polo Concello".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, esixe que se aclare e se dean as correspondentes explicacións sobre quen decide pagar con recursos públicos unha cuestión que afecta de xeito único e directo a intereses particulares dun concelleiro pertencente, por aquel entón, ao equipo de goberno.

Os populares insisten con esta nova factura na existencia de irregularidades na actuación que o Goberno local estableceu co avogado Carlos Hernández, a quen non só lle pagou cantidades fóra de mercado polos seus traballos, senón que asumiu o gasto derivado da defensa dun asunto que concirne exclusivamente á vida privada dun concelleiro.

O PP responde así ao rexedor quen onte mesmo asegurou que a información que estaba dando o PP é falsa. A factura que se aporta mostra claramente como existiu un pago en concepto de estudo de dilixencia, un por asistencia na declaración, así como 1.200 euros máis por desprazamentos a Monforte e 184 por dietas. "Non só se destinou diñeiro público a un procedemento particular dun concelleiro, senón que as reunións en relación con este asunto tiveron ademais lugar no Concello", replica a popular.

Os populares queren deixar claro que en ningún momento se cuestiona o fondo que motivou o procedemento xudicial, senón que o Concello destinase recursos públicos de todos os monfortinos á súa defensa.

Novas

Redes Sociais