Novas

Xoves, 12 de xuño de 2014

O Grupo Municipal do PP cre que esta actuación evidencia "un xeito indebido de xestionar os recursos públicos"

O PP pedirá ao Concello de Monforte que o ex concelleiro Pavón devolva os honorarios derivados da súa defensa nun asunto particular

Presentarán unha moción ao próximo Pleno e de non adoptarse este acordo demandarán que o pago sexa posto en coñecemento da Fiscalía por se fose constitutivo de delito

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, compareceu esta tarde en rolda de prensa para explicar que o seu grupo municipal pedirá ao Concello de Monforte que se fagan as xestións oportunas para que sexan devoltos os honorarios derivados da defensa dun concelleiro por un asunto privado. De non conseguir o respaldo do Pleno, o PP demandará que este feito sexa posto en coñecemento da Fiscalía por se fose constitutivo de delito.

En concreto, os populares refírense a unha factura de 15 de marzo de 2011, á que tiveron acceso este mesmo ano, por importe de 2.764 euros na que se detalla que dita asistencia legal corresponde ao estudo de dilixencias penais, desprazamentos e asistencia á declaración do Señor Pavón. O proceso penal tiña por obxecto as licenzas de obras realizadas na vivenda particular do concelleiro, imputado por un delito contra a ordenación do territorio, un proceso arquivado, aspecto que segundo o PP non interfire no feito de que sexa abonada con cargo ás arcas municipais.

Julia Rodríguez aclarou que o delito que motiva as dilixencias non ten que ver co posto que o ex concelleiro desenvolvía no consistorio, senón cun delito contra a ordenación do territorio, "algo que corresponde unicamente ao ámbito dos seus intereses particulares e que non debería ser abonado con cargo aos Orzamentos municipais".

A portavoz explicou que neste caso non interfire o feito de que a causa fose arquivada, posto que, non se está falando do ámbito do Concello. Tanto é así que a portavoz intentou esta mañá personarse na causa para poder ter acceso á documentación pero non lle foi permitido por tratarse dun procedemento particular que nada ten que ver co Goberno local "salvo polo feito de que asumiron o pago resultante desta actuación".

O Grupo Municipal do PP manifestou a súa intención de non xudicializar a vida política do Concello, considerando ademais que hai persoas que podían non ter o coñecemento técnico preciso para ser sabedores da transcendencia que tiña a súa postura na xunta de goberno na que se asumiu abonar esta factura. Pese a todo, considera que debe ser o Pleno o que se pronuncie.

Petición de documentación

O PP solicitou ademais toda a documentación do Concello en relación con este pago, así como copia da xunta de goberno na que se decide facer fronte a esta factura relacionada cos asuntos privados do edil. Tamén se solicitará información doutros pagos que puidera asumir o Concello derivados deste procedemento.

A portavoz insistiu ademais na existencia de múltiples pagos indebidos ao letrado Carlos Hernández por asesoramento xurídico como os referentes a desprazamentos a Monforte que oscilan entre os 800 e 1.600 euros máis dietas, contías "absolutamente fóra de mercado". Demostran, segundo ao popular, un xeito indebido de xestionar os recursos públicos que o PP veu denunciando nos últimos anos. Este despacho cobrou durante varios anos un fixo mensual, gastos variables por desprazamento e custos por procedementos xurídicos.

Novas

Redes Sociais