Novas

Martes, 17 de xuño de 2014

O Grupo Municipal do PP descobre que Pavón González non se ausentou na Xunta de Goberno na que se aprobou o pago da factura ao despacho da Coruña

O PP pregunta onde está o alcalde e esíxelle que explique por qué consentiu o pago dun asunto privado dun concelleiro

Julia Rodríguez considera que o rexedor debe aclarar tamén se para os nacionalistas non existen en Monforte avogados coa valía necesaria para asesorar ao Concello

O Grupo Municipal do PP de Monforte pregunta onde está o alcalde, desaparecido desde que os populares advertiron do pago por parte do Goberno local da factura de Pavón por un asunto particular, e esíxenlle que dea a cara e explique por qué consentiu que se abonase a minuta dunha causa privada dun concelleiro.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, tivo acceso a parte da documentación solicitada ao Concello os días pasados e puido comprobar que o Señor Pavón formou parte do equipo de Goberno que autorizou o pago da factura con data de 15 de marzo de 2011. Os populares revelan que foron catro os concelleiros que participaron na Xunta de Goberno que aprobou a minuta, entre eles o alcalde, a voceira do BNG e o propio Pavón.

O Grupo Municipal do PP solicitou tamén información en relación co pago, pola mesma causa, á procuradora ou outras facturas que poidan existir, ao entender que esa minuta correspondería tamén coa asistencia ao señor Pavón nas mesmas dilixencias.

Desde o PP desmenten a información ofrecida por Vega Buján en relación coa obtención de documentación solicitada polos populares sobre os ingresos ao despacho da Coruña Antas Hernández. O PP facilita un escrito de Secretaría no que pode verse que as facturas das anualidades 2011, 2012 e 2013 se entregan o 19 de marzo de 2014, polo tanto, os populares non tiveron no seu poder a factura de Pavón ata ese momento.Ver escrito

Pagos fóra de mercado

Ademais de soster que o pago da factura de Pavón concirne a un ámbito estritamente particular e nada ten que ver coa súa xestión no Concello, os populares insisten nos prezos fóra de mercado que o Goberno local asumiu derivados da contratación do avogado Carlos Hernández, en concreto aqueles que se refiren aos gastos por desprazamento. Como xa avanzou o PP, este despacho chegou a cobrar 1.600 euros por un desprazamento a Monforte de oito horas, máis as correspondentes dietas.

Pagan 1.600 euros por medio día cando corresponden 90 euros

Na factura de Pavón queda reflectido o pago de 1.200 euros máis dietas por dous desprazamentos a Monforte. O PP fai público un apartado das normas dos Ilustres Colexios de Avogados de Galicia no que se fixan os honorarios dos letrados e, como pode comprobarse, as cantidades abonadas a Carlos Hernández superan, moitísimo, os prezos establecidos para o colectivo. O Colexio establece uns honorarios de 90 euros por medio día ou 150 por día enteiro, fronte aos 1.600 euros que chegou a pagar o Concello, ou os 1.200 euros (600 por cada día) que abonou por asistir a Pavón.

Julia Rodríguez considera que o alcalde de Monforte debe aclarar se está de acordo coas manifestacións da súa portavoz nas que asegurou que os prezos por asistencia xurídica débense a valía dos letrados e á súa categoría, que ela estableceu en primeira, segunda e terceira. "Gustaríanos tamén saber se consideran que en Monforte non hai avogados con capacidade ou categoría suficiente como para asumir o asesoramento xurídico que encomendaron a un despacho da Coruña", inquire a popular.

Novas

Redes Sociais