Novas

Martes, 24 de xuño de 2014

O Grupo Municipal Popular insta ao Concello a que actúe de oficio e faga cumprir a ordenanza vixente sobre protección medioambiental

O PP demándalle ao Goberno local que retire os restos de ramas e maleza que existen nas inmediacións da gardería municipal

Julia Rodríguez asegura ter recibido queixas dos veciños da zona urbana pero tamén das parroquias

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a que adopte as medidas necesarias para que se retiren os restos de ramas e maleza que existen nas inmediacións da gardería municipal, en terreo público.

Os populares demandan ademais ao Concello que, actuando de oficio, cumpra a súa función de policía e faga cumprir a ordenanza vixente sobre protección medioambiental en relación á limpeza de solares en xeral e, particularmente e o máis axiña posible, no que se refire aos solares que circundan a gardería municipal.

Unha situación que se repite

O Grupo Municipal do PP recorda que en xullo do ano 2013 presentaron unha moción ao Pleno na que se puña de manifesto a existencia de numerosos solares no casco urbano que se atopaban en situación insalubre e de risco de incendio por falta de limpeza. Esta situación derivou en numerosas queixas e reclamacións dos veciños, polo que os populares esixiron ao Concello que fixese cumprir a ordenanza.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que "outra vez recibimos queixas por parte dos veciños da zona urbana pero tamén das parroquias". A popular precisa que se trata de queixas especialmente graves porque se refiren ao estado dos solares que circundan as instalacións da gardería municipal, instalacións que pola actividade que alí se desenvolve necesitan que se adopten todas as medidas para garantir a seguridade dos traballadores e usuarios. "Hai que extremar as precaucións para evitar riscos de todo tipo, pero especialmente de incendio", engade a portavoz.

O PP afirma que os solares próximos presentan abundante maleza co risco evidente de incendio que representa. A portavoz popular asegura que a maleza "invade ata o interior das instalacións municipais".

Novas

Redes Sociais