Novas

Mércores, 25 de xuño de 2014

O Grupo Municipal Popular pedirá no Pleno que se actúe para conservar as vías municipais das parroquias, especialmente alí onde se sitúan vivendas, explotacións ou aquelas que son moi transitadas

O PP denuncia o estado de abandono que presentan algunhas vías da parroquia da Parte

Os populares demandan que se mellore a pista que une o lugar de Probeiros coa carreta que vai da Pobra de Brollón a Bóveda e se eliminen as fochas que existen na estrada de acceso á parroquia da Parte

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que no Orzamento de 2014 se contemplen as dotacións necesarias e suficientes para acometer o necesario mantemento e conservación das vías municipais nas parroquias do Concello, especialmente naquelas zonas nas que se sitúan vivendas, explotacións ou que son máis transitadas.

Os populares solicitan ademais que, previos os trámites orzamentarios oportunos, se proceda á mellora do firme da pista que une o lugar de Probeiros coa estrada que vai de Pobra de Brollón a Bóveda e se eliminen as importantes fochas que existen na pista que dá acceso á parroquia da Parte.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que o seu grupo recibiu numerosas queixas de veciños da parroquia da Parte en relación ao estado de abandono que presentan algunhas das vías polas que teñen que transitar a diario. Concretamente, nas inmediacións da igrexa parroquial a magnitude dun buraco provocou que un veciño o enchese de pedras de gran tamaño para evitar que se producises danos nos vehículos que circulan polo lugar.

Esta mesma situación repítese, segundo os populares, ao longo das pistas da parroquia, pero de xeito especial na vía que une o lugar de Probeiros coa estrada que vai de Pobra de Brollón a Bóveda, no tramo correspondente ao Concello de Monforte. Nesa pista sucédense as fochas e hai zonas nas que todo o ancho da calzada é un gran buraco, de maneira que os veciños soportan importantes molestias e danos nos seus vehículos. "E no inverno coa choiva a pista está impracticable", precisa a portavoz.

Por todo o anterior, os populares consideran que as vías mencionadas requiren dunha actuación urxente. O Grupo Municipal do PP pedirá apoio no Pleno para esta moción despois de que o Goberno local anunciase que se van acometer melloras en oito camiños rurais entre os que non figuran os sinalados na Parte.

Novas

Redes Sociais