Novas

Xoves, 26 de xuño de 2014

O Grupo Municipal Popular demanda que, se a concesionaria non atende o requirimento, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas que sexan procedentes de conformidade co establecido no contrato

O PP esixe a inmediata posta en funcionamento da nova ETAP de Freixo

Os populares tamén piden que, de acreditarse que o vertido do pasado mes de maio tivo lugar na instalación, Aqualia asuma todas as consecuencias

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a esixir da concesionaria da auga o cumprimento do contrato requiríndoa para que proceda á inmediata posta en funcionamento da nova ETAP, tendo en conta que transcorreu o prazo dado para tal fin.

Os populares engaden que, de non ser atendido o requirimento por parte de Aqualia, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas que sexan procedentes de conformidade co establecido no contrato e co fin de garantir a adecuada prestación do servizo aos usuarios. O PP demanda ademais que se requira á empresa para que, de acreditarse que o vertido producido no Cabo en maio tivo a súa orixe na instalación, sexa Aqualia quen asuma as consecuencias.

Un atraso inxustificado

A infraestrutura foi recibida polo Concello o 28 de febreiro de 2014 e funcionou durante tres meses a proba, á perfección. Pouco tempo despois o PP denunciou que a potabilizadora fora desconectada ante a negativa de Aqualia de facerse cargo da explotación se non se lle incrementaban as cantidades que lle corresponde percibir polo servizo. O 22 de abril o alcalde anunciaba un encontro coa empresa e o compromiso desta de poñer en marcha a instalación en quince días, unha vez resoltos os trámites de contratación do subministro eléctrico.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, indica que "pasaron dous meses desde esa data e a nova ETAP segue desconectada". A popular considera "grave" que os monfortinos non poidan beneficiarse da calidade da auga que ofrece a nova potabilizadora e que non fagan as xestións necesarias coa concesionaria respecto de esta infraestrutura e o inicio da súa explotación no momento apropiado, considerando que a súa construción se iniciou no ano 2010.

"Máis grave resulta con todo que teñamos que seguir usando unha infraestrutura obsoleta que xa fai dous anos que se mostraba insuficiente e deficiente para potabilizar a auga en condicións óptimas", replica a portavoz.

Os populares ven ademais "inaceptable" o vertido que se produciu no Cabe o pasado mes de maio e no que todos os indicios levan a pensar que ten a súa orixe na vella estación potabilizadora que está en funcionamento e que, como é sabido, potabiliza con cloro.

Falta de xestión do Concello

O Grupo Municipal do PP indica que "estamos ante outro grave incumprimento da concesionaria Aqualia polas consecuencias que ten para a calidade do servizo porque está provocando que se incumpra o principio de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos e porque supostamente provocou ademais un desastre medioambiental".

Julia Rodríguez afirma que "estamos ante un novo incumprimento da concesionaria pero tamén ante un novo exemplo de falta de xestión por parte do Concello, con graves repercusións para os veciños".

Novas

Redes Sociais