Novas

Venres, 27 de xuño de 2014

En ambas liñas obtiveron colaboración todos aqueles concellos que o han demandado

O PP critica que o Goberno local non solicitara axuda para dotarse de brigadas municipais contra incendios

Os populares rexeitan ademais que os nacionalistas non pediran a subvención da Xunta para gastos de funcionamento dos vehículos motobomba

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica o feito de que o Goberno local non solicitara axuda para dotarse das brigadas municipais contra incendios que financia a Xunta e das que dispoñerán 58 concellos da provincia este verán. Os populares rexeitan ademais que os nacionalistas non demandaran a subvención que o Goberno galego ofrece para cubrir os gastos de funcionamento dos vehículos motobomba.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que o Goberno local ten que explicarlle aos cidadáns por que non se adheriu ao programa da Xunta para dispoñer dunha brigada e tampouco solicitou a subvención pola que a Consellería de Medio Rural contribúe a sufragar os gastos do funcionamento dos vehículos motobomba.

O Grupo Municipal do PP explica que en ambas liñas de colaboración recibiron axuda todos os concellos que o solicitaron. No caso das brigadas, hai municipios que ata contarán con máis dunha.

Os populares lamentan que o Goberno local de Monforte tome esta decisión na medida na que estas liñas de colaboración establécense para conseguir unha maior eficacia na loita contra o lume a través da optimización de recursos á vez que completan o operativo despregado pola Xunta. O apoio da administración facilita ademais a contratación de persoal, en concreto, este ano serán 319 as persoas que integren as brigadas dos concellos, salvo en Monforte "que ao non ser solicitadas non implicarán a contratación de ningún efectivo".

O Concello de Monforte podería ademais terse beneficiado dunha das obrigacións das brigadas, de gran relevancia para a cidade, como é a limpeza da menos 5 hectáreas de terreo, realizando tarefas de rozado, rareo e eliminación de restos en terreos municipais ou de dono descoñecido ou en vías nas que non pode realizarse o traballo de forma mecanizada. "Tamén deixaron pasar esta posibilidade malia ter numerosos solares en pésimas condicións", conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais