Novas

Sábado, 28 de xuño de 2014

Os populares entenden que a minuta corresponde á asistencia letrada no marco dunhas dilixencias penais seguidas por un presunto delito contra a ordenación do territorio contra o entón concelleiro de obras pola construción da súa vivenda privada

O PP pedirá no Pleno que Pavón restitúa ao Concello as cantidades pagas pola súa defensa nun tema particular

Julia Rodríguez sostén que existiu "unha actuación irregular" no pago das facturas

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no Pleno que previos os trámites oportunos, particularmente informe do Señor Secretario, se efectúen as xestións necesarias dirixidas á restitución ao Concello das cantidades indebidamente soportadas con cargo ao orzamento municipal correspondentes aos honorarios do avogado e a procuradora que asistiron e representaron procesualmente ao entón concelleiro de Obras José Manuel Pavón nas Dilixencias Penais 335/2010 que se seguiron no Xulgado de Monforte por un presunto delito contra a ordenación do territorio contra a súa persoa.

Subsidiariamente, para o suposto de que a proposta anterior non sexa aprobada, os populares someterán a votación a iniciativa de que os feitos sinalados sexan postos en coñecemento da Fiscalía de Monforte por si fosen constitutivos de infracción penal.

O PP relata na súa moción a sucesión de feitos que deron orixe a esta denuncia. Citan as dilixencias 335/2010 que incoa o Xulgado de Monforte por un presunto delito contra a ordenación do territorio contra Pavón, así como o arquivo das mesmas unha vez que se acredita que as obras na casa particular do concelleiro non son constitutivas de ilícito penal.

O cinco de maio de 2011 o alcalde e tres concelleiros do BNG aproban o pago da factura de data de 15/03/2011 do gabinete de avogados Antas e Hernández por importe de 3.167,33 euros, correspondente ás D.P. 335/2010. Non existe constancia de que se expedira informe algún do Secretario que avalase o pago desta factura que se aprobou entre moitas outras dunha relación que contaba en conxunto con informe de fiscalización xenérico de data de 29 de abril de 2011 no que se daba conta da existencia de crédito adecuado e suficiente.

Os populares rexeitan que este pago se efectuase desde o Concello ao entender que a minuta corresponde á asistencia letrada no marco dunhas dilixencias penais seguidas por un presunto delito contra a ordenación do territorio contra o entón concelleiro de obras pola construción da súa vivenda particular.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica na moción que a factura detalla expresamente honorarios pola asistencia á declaración de Señor Pavón. Non se detalla asistencia algunha á declaración do alcalde nin consta que o Señor Pavón, que se acudiu a través do seu avogado e procurador, ostentase representación algunha do Concello, nin que os órganos do Goberno local adoptasen resolución algunha en tal sentido.

Casos similares

Os populares precisan que o Tribunal Supremo tense pronunciado respecto de casos similares nos que para asumir os gastos dun membro da Corporación deben darse os requisitos establecidos na sentenza do TS de 4/2/2002 que son:

-Que sexan motivados por unha inculpación que teña a súa orixe ou causa directa na súa intervención nunha actuación administrativa ou doutra índole realizada no cumprimento das funcións atribuídas polas disposicións aplicables á súa actividade como membro da Corporación ou no cumprimento ou execución de acordos dos órganos desta sala.

-Que dita intervención non sexa levada a cabo con abuso, exceso, desviación de poder ou en converxencia con intereses particulares propios dos interesados ou do grupo político ou doutra índole ao que pertencen susceptibles de ser discernidos dos intereses da Corporación, pois en tal caso a actuación non pode considerarse como propia do exercicio da súa función, senón como realizada en interese particular, aínda que externa ou formalmente non sexa así.

Que se declare a inexistencia de responsabilidade criminal por falta obxectiva de participación ou de coñecemento nos feitos determinantes da responsabilidade penal, a inexistencia destes ou o seu carácter ilícito. De terse contraído responsabilidade criminal, non pode entenderse que a conduta realizada o sexa no exercicio das súas funcións, senón abusando de elas.

Julia Rodríguez indica que no caso de Pavón a denuncia non deriva da súa actuación como concelleira, senón dunha presunta actuación irregular na súa esfera privada, polo que non é útil analizar si foi ou non absolto xa que a imputación non é na súa condición de concelleiro. "Os gastos derivados da súa asistencia legal e representación procesal deben ser soportados por el mesmo e nunca con cargo a fondos públicos". A popular sinala ademais que o feito que de que o denunciante pretendese implicar ao alcalde por se a concesión de licenzas fose irregular non desvirtúa que a imputación principal fose por un delito contra a ordenación do territorio no ámbito estritamente privado dun concelleiro.

Non existe constancia de imputación do alcalde, nin da súa declaración en tal calidade. No peor dos casos a converxencia cos intereses particulares do concelleiro é de tal evidencia e tan notoria por saír de forma reiterada nos medios de comunicación, que non cabe a confusión que pretende crear o equipo de goberno sobre esta cuestión, de maneira que a factura non debeu de ser atendida con fondos públicos.

Tampouco a alegación de descoñecemento por parte do alcalde ou de non habelo feito a propósito lle exime da súa responsabilidade tendo en conta que o Tribunal Supremo tense pronunciado no sentido de non considerar verosímil que tras 8 anos desempeñando o cargo ignore o marco das súas competencias.

Por todo o anterior, e sen prexulgar sobre a existencia de ilícito penal, o Grupo Municipal do PP estima que houbo unha actuación irregular no pago das facturas derivadas das dilixencias penais seguidas por un delito contra a ordenación do territorio contra José Manuel Pavón, polo que demandan que esas cantidades sexan devoltas ao Concello.

Novas

Redes Sociais