Novas

Luns, 30 de xuño de 2014

Os populares recordan que xa no seu día advertiron do "buraco negro" que suporía para os monfortinos perder a demanda por desequilibrio económico interposta por Aqualia

O PP critica que o Concello de Monforte sexa "o único no mundo" que se felicita por perder unha demanda xudicial que lles obriga a pagar 336.000 euros

Julia Rodríguez considera que o fallo é resultado da neglixencia do Goberno local ao non contrarrestar a documentación que aportou a concesionaria denunciando de que estaba incumprindo o contrato

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o Concello sexa "o único no mundo" que se felicita por perder unha demanda xudicial pola que todos os monfortinos están obrigados a pagar 336.000 euros. "Presumen de ter que pagarlle a Aqualia mentres a concesionaria leva incumprindo o contrato desde fai anos e o alcalde e o seu equipo de Goberno miran para outro lado", denuncia a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

A popular recorda que xa no mes de marzo o seu grupo advertiu do "buraco negro" que suporía para todos os monfortinos que o alcalde perda a demanda por desequilibrio económico interposta por Aqualia no ano 2005, como finalmente ocorreu, mentres o nacionalista segue desaparecido.

O Grupo Municipal do PP considera que o fallo é resultado da neglixencia do Concello á hora de contrarrestar a documentación que facilitou Aqualia e que permitiu ao perito xudicial chegar ás conclusións que figuran no seu informe, sen ter en conta os incumprimentos nos que a concesionaria tería incorrido xa nesa data. O perito deixou constancia no seu informe da "total colaboración" prestada pola concesionaria, mentres advertía de que o Concello "non cursou contestación algunha aos meus requirimentos".

Á espera de coñecer a sentenza e poder valorala en profundidade, os populares denuncian o "total deixamento" do equipo de Goberno, quen nin tan sequera se molestou en denunciar os incumprimentos da concesionaria nin desmentir os datos aportados por esta ao perito".

Os populares sorpréndense ademais de que o Goberno local anuncie agora demandas por incumprimento do contrato por parte de Aqualia e pregúntase onde estivo o alcalde estes dez anos, por qué non se preocuparon de atopar a oferta desaparecida ou aportar a documentación pertinente para contrarrestar os argumentos da concesionaria na demanda por desequilibrio. "É agora cando as eleccións municipais están próximas cando o equipo de Goberno anuncia que vai reaccionar", conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais