Novas

Mércores, 3 de xullo de 2013

Os populares solicitan o rexeitamento ou a condena ao terrorismo, e por suposto, ao levado a cabo por Resistencia Galega

O PP pedirá ao Pleno que rexeite calquera tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou lexitime a violencia terrorista

Recordan que desde o ano 2006 Galicia padeceu violentos actos de terrorismo cuxa autoría ten reivindicado en varios casos a banda Resistencia Galega

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden o apoio dos grupos para adoptar os seguintes acordos:

- Manifestar o rexeitamento e a condena ao terrorismo e, por suposto, ao levado a cabo por Resistencia Galega.
Solidarizarnos coas vítimas destes atentados e apoiar ás Forzas e Corpos de Seguridade na súa tarefa de posta a disposición da Xustiza dos responsables destes actos.
Rexeitar calquera tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou lexitime a violencia terrorista, especialmente se proceden de representantes públicos.

O PP argumenta na súa moción -que será presentada en todos os Concellos galegos con representación dos populares-, que a partir do ano 2006 Galicia padeceu violentos actos de terrorismo cuxa autoría ten reivindicado en varios casos a banda Resistencia Galega. Entre eles atópanse múltiples atentados consistentes na colocación e detonación de diversos artefactos explosivos e incendiarios en sedes de partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais, entidades financeiras, empresas, administracións públicas, etc., así como en vivendas de persoas relacionadas co ámbito xudicial, universitario ou político.

O Grupo Municipal do PP esgrime que, como partido democrático, defende a dignidade do ser humano e os dereitos e liberdades que lle son inherentes, "especialmente o dereito á vida e á integridade física e moral á vez que propugnamos a democracia e o Estado de Dereito como base dunha convivencia en pluralismo, liberdade e igualdade". En consecuencia, explican, "opoñémonos e condenamos o uso da violencia para defender calquera tipo de posicionamento ou postulado político ou ideolóxico e tamén rexeitamos calquera tipo de declaración ou acción que lexitime ou xustifique o terrorismo".

Novas

Redes Sociais