Novas

Xoves, 3 de xullo de 2014

Os populares aseguran que non se deu cumprimento ao acordado en Pleno de fai dous anos, polo que insisten na necesidade de que o Goberno local tome medidas

O PP esixe que se reparen e acondicionen as instalacións e viais do mercado gandeiro

Demanda que se actúe sobre os baños, as cubertas e as vías, así como que se dote aos polbeiros de áreas de lavado

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a que, previos os trámites orzamentarios oportunos, proceda á reparación e acondicionamento das instalacións e vías do mercado gandeiro co obxectivo de dotalas das condicións óptimas para servir ao uso que lles é propio.

En concreto, os populares piden que se actúe para corrixir o mal estado que presentan os cuartos de baño, a reparación e illamento da cubertas de uralita, as fochas e o mal estado xeral que presentan as vías, así como que se provea o espazo onde se sitúan as polbeiras das instalacións necesarias -áreas de lavado entre outras-, para que os profesionais poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións de hixiene e seguridade alimentaria.

O Grupo Municipal do PP insiste nunha moción que xa presentou en agosto de 2012 e á que o equipo de Goberno non deu cumprimento, ao entender que no verán a afluencia de xente na feira é maior e as transaccións duplícanse e ata triplican con respecto aos meses de inverno. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, afirma que o seu grupo recibiu novamente numerosas queixas de ambulantes e polbeiros, así como de usuarios en canto ao deficiente estado das instalacións da feira.

Os populares denuncia o mal estado no que se atopan as vías, con importantes fochas que dificultan o acceso, especialmente no inverno ou en días de choiva. Os baños, pola súa banda, ofrecen un estado impropio dunhas instalacións de uso público, o mesmo que presentan as cubertas das naves de uralita con roturas que facilitan a entrada de pombas e outras aves que fan que o interior apareza cuberto de excrementos de feira en feira.

Doutra banda, a cuberta carece de mecanismo de illamento o que fai que tanto os usuarios como os traballadores teñan que soportar un ambiente extremadamente caloroso no verán e moi baixas temperaturas no inverno. Os locais, engade o PP, carecen das instalacións adecuadas para a limpeza dos útiles dos polbeiros, o que os obriga a realizar a súa actividade nunhas condicións extremadamente difíciles.

Julia Rodríguez subliña que as condicións que presentan as instalacións "non corresponden coa actividade á que serven nin coa entidade da nosa cidade, xa que ofrecen unha imaxe moi pobre ás persoas que nos visitan, especialmente no verán, que é advertida tamén polos propios comerciantes ambulantes, quen sinalan as diferenzas con outras instalacións de feira de localidades de menor entidade".

O Grupo Municipal do PP lamenta que desde o ano 2012 o Goberno local non dea cumprimento ao acordado nin efectuara obra algunha de mellora das instalacións do mercado gandeiro. "Nin tan sequera se realizaron as mínimas reparacións que pedimos no seu momento en relación co estado dos baños, as cubertas, as vías, ou as áreas de lavado para os polbeiros, de maneira que o mal estado que presentaban fai dous anos non fixo senón agravarse co paso do tempo", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais